Con motivo do Aberri Eguna, Día da Patria Vasca, enviamos unha fonda aperta internacionalista ao pobo de Euskal Herria. Sabemos que son tempos difíciles para todos os pobos do mundo, e no caso concreto da CAV temos que lamentar datos de incidencia especialmente graves. Desde Galiza queremos expresar o noso apoio e recoñecemento ao conxunto da sociedade vasca. Neste momento de incertezas é máis necesario se cabe o apoio mútuo e a organización das máis vulnerables: a clase traballadora. Nese horizonte partillamos loitas coa mocidade vasca, que neste 12 de abril sairá aos balcóns de toda Euskal Herria para lembrar que hai futuro, e ese futuro escribirao o pobo.

Hoxe celébrase unha data que nos fai reflexionar sobre a necesidade de integrar a cuestión nacional nas loitas sociais. Un bo exemplo diso foron as loitadoras vascas, que conseguiron frear de xeito heroico o avance da barbarie fascista ao longo dos anos 1936 e 1937. Naquela batalla desigual entre un exército profesional apoiado por Italia e a Alemaña Nazi, o pobo vasco foi quen de se mobilizar malia as enormes dificultades que enfrontaban. Aquel espírito de insubmisión fronte ao imperialismo españolista segue vivo en milleiros de persoas que cada ano toman as rúas de Euskal Herria para reivindicar a independencia da súa nación.

Como é evidente, nesta ocasión o conxunto da esquerda abertzale non realizará os habituais actos públicos, e Galiza Nova non poderá estar presente nesas mobilizacións. Malia iso, queremos lembrar que as compañeiras vascas sempre poderán contar co noso apoio desde o convencemento de que: A SOLIDARIEDADE É A TENRURA DOS POBOS!

Viva o Aberri Eguna! Gora Euskal Herria Askatuta!

Leave a Reply

Your email address will not be published.