ABERRI EGUNA: OS POBOS DECIDEN!

indeoDesde Galiza Nova e con motivo do Aberri Eguna queremos amosar a nosa solidariedade internacionalista coa mocidade de Euskal Herria nesta xornada de loita e reivindicación nacional. Ademais, sumámonos á marea de voces que desde Iruñea claman polo dereito a decidir. Por unha Euskal Herria libre que camiña xa, e por si propia, cara á normalización e liberación do país; a pesares dos atrancos e ataques lanzados desde o estado español.

Galiza Nova quere sumarse, pois, ao conxunto da sociedade vasca que continúa a diario a traballar, desde cada barrio, cada vila, cada cidade, pola construción colectiva dunha nación plenamente soberana, socialmente xusta e equitativa. Neste sentido, trasladamos todo o noso apoio á manifestación convocada pola rede Independentistak e esperamos que o clamor plural que resoará polas rúas de Iruñea sexa escoitado polos estados español e fancés como o berro dun pobo que desexa e loita por ser libre.

Vivimos un momento no que diversos procesos de liberación nacional e social emerxen en Europa. Avanzan non poucos procesos independentistas que constitúen a forza que rachará co actual marco político e económico. Nestes procesos, Euskal Herria, Galiza e Països Catalans tamén culminarán o seu propio proceso de ruptura democrática. A transición rematou. É a hora da xuventude e dos pobos.

Gora Eukal Herria Askatuta!
Viva Galiza Ceibe e Popular!