O 28 de setembro é o Día da Acción Global por un Aborto Legal e Seguro. Hai máis de 30 anos que se celebraba o V Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe, alí analizouse que as situacións de clandestinidade do aborto eran a primeira causa da mortalidade nas mulleres en moitos países desa rexión, e alí mesmo declarouse o 28 de setembro como o Día da Acción Global polo acceso ao Aborto Legal e Seguro. Desde entón foron moitas as mulleres, colectivos e países que se sumaron a esa reclamación e fixeron propia a data.

En Galiza, o movemento feminista leva anos visibilizando a situación do aborto no Estado Español e en concreto do caso galego: un sistema sanitario precario que non pode garantir a interrupción do embarazo na sanidade pública galega, que non garante a gratuidade do servizo ou mesmo que non garante o cumprimento dos protocolos.

Coa modificación da Lei aprobada no 2010 que fixo o Partido Popular en 2015 hoxe as mulleres de 16 e 17 anos ven privada a súa capacidade de decisión sobre os seus corpos pois deben conseguir un permiso paterno (ou xudicial) para interromper un embarazo. Reiteramos que estas mulleres, que poden decidir libremente sobre todos os aspectos das súa vida deben ter dereito a decidir sobre a súa maternidade. Entendemos que a derrogación da modificación da lei de 2015 debería ser tamén unha prioridade para o goberno do Estado que malia ter anunciado a súa derrogación como tantas outras, dous anos despois non se cumpriu.

Instamos tamén á Xunta de Galiza a asumir as súas competencias e a garantir:

  • Educación afectivo sexual obrigatoria no currículum escolar.
  • Programas de divulgación e información sobre dereitos sexuais e reprodutivos a través dos CIMM.
  • Acceso a anticonceptivos gratuítos nos Centros Quérote+
  • Cumprimentos dos protocolos no SERGAS.
  • Eliminación da obxección de conciencia nas IVE.

Desde Galiza Nova sumámonos neste día ás reclamacións por un aborto libre, seguro e gratuíto para todas!

Leave a Reply

Your email address will not be published.