Agresións machistas en Carballo e Pontevedra e feminicidio en Almería

Comeza unha nova semana e voltamos vernos na obriga de denunciar novos casos de agresións machistas.

Na madrugada do sábado tiveron lugar dous deles. O primeiro na cidade de Pontevedra, no interior dun local de copas, denunciado por persoas que presenciaron como o home golpeaba e empuxaba á vítima despois de tempo observándoa dentro do local. No segundo, en Carballo, unha muller foi acoitelada por outro home, tamén nun ambiente de ocio á saída dun local, quedando esta ferida con tres puñaladas.

Horas despois coñeciamos que se producira un feminicidio en Almería. A vítima foi degolada pola súa ex-parella na súa casa.

Foron múltiples as agresiós acontecidas nesta primeira quincena de 2017, alén das moitísimas que non saen á luz ou non se denuncian. Precisamos con urxencia por en marcha medidas contra a violencia machista que dean resposta a todos estes graves ataques aos que somos sometidas. Reivindicamos que este debe ser un problema político prioritario a tratar poñendo a disposición todos os recursos precisos para desmontar o sistema patriarcal que nos está asasinando, agredindo e acosando a diario.

Querémonos vivas!
Insubmisas e rebeldes por unha Galiza feminista!