Aitor, o candidato máis novo de Galiza! Mocidade e rebeldía para mudalo todo!

Fotografía_candidato_AFonsagrada (1)Aitor Rodríguez Vilagarcía ten 20 anos. É o candidato do BNG-Asembleas Abertas no Concello da Fonsagrada e é o candidato máis mozo de toda Galiza. Verdadeira mocidade e rebeldía para mudalo todo!

Aitor leva militando en Galiza Nova dende os 17 anos e conta cunha longa traxectoria no voluntariado social, onde desenvolveu proxectos con persoas con diversidade funcional e con maiores. Nestes días previos ás eleccións municipais, quixemos que nos contase a súa historia e as propostas do BNG-AA para estas vindeiras eleccións municipais no seu Concello. Velaquí o resultado!


Nacín na Fonsagrada, no concello máis grande de Galiza, en plena montaña lucense, unha zona rural, aloxada de grandes cidades, e cunhas comunicacións máis que difíciles. Xa dende ben mozo, crin na necesidade de que Galiza necesita un cambio, xa que a desidia e a subordinación ó estado español nos somerxía, cada vez máis, nunha realidade cun futuro incerto. E esta necesidade cúmprea o BNG, partido no que levo militando, en Galiza Nova, dende os 17 anos.

A Fonsagrada, é unha vila de pouco menos de 4000 habitantes, na que a xente nova non abunda, xa que a media de idade se sitúa nos 56 anos. É unha zona rural, na que o sector agrogandeiro ocupa un punto preeminente no noso tecido económico, e que, debido ás políticas desenvoltas tanto polo PP como polo PSOE nos últimos anos, desembocou nunha vaga de despoboamento brutal, e un empobrecemento debido á falta de apoio dos gobernos existentes.

O apoio dos militantes e dos simpatizantes do BNG da Fonsagrada, viron a necesidade de dar un exemplo renovador e exento de malos vicios da mala política vella, chea de nepotismo e corrupción, que culminou na presentación da candidatura co mozo máis novo candidato á alcaldía do noso País.
É por isto que a candidatura do BNG-AA de A Fonsagrada está especialmente comprometida coa mocidade, e aposta claramente polo desenvolvemento de políticas que atraian á mocidade, e fomenten un asentamento poboacional real.

As problemáticas do meu concello son moitas. En materia de xuventude, o noso municipio non conta con prazas suficientes na escola infantil, na que todos os anos se quedan fóra nenas e nenos, xa que as instalacións son deficitarias, e o goberno municipal non se preocupa de destinar máis recursos a este ámbito. Ademais, a mocidade non conta con piscinas públicas, nin con outro tipo de instalación lúdica ao aire libre, como por exemplo, espazos para bicicletas, ou actividades como patinaxe. É por isto que a xente nova, nos vemos obrigados a longos desprazamentos para atopar este tipo de instalacións.
Por outra banda, o Concello carece de calquera tipo de axuda á mocidade que ten que desprazarse para recibir estudos de formación profesional e universitaria, polo que os estudantes que queiran ampliar os seus estudos despois do bacharelato, téñense que gastar inxentes cantidades nos medios de transporte para poder ir até as súas casas.

A parte disto, o goberno da Fonsagrada, deixou completamente esquecido o noso medio natural, e é dende o BNG da Fonsagrada quen sempre defendemos a recuperación e sinalización do patrimonio histórico e a posta en valor da nosa riqueza cultural, natural e paisaxística, por exemplo, promocionando plantacións de especies autóctonas, como carballos, castiñeiros etc. Tendo en conta que o medio ambiente e o ecoloxismo son un piar fundamental que necesitamos no noso Concello e que tan só o BNG leva defendendo e pulando por el nos últimos anos.

E non todo o que defendemos dende o BNG-AA da Fonsagrada está dirixido á xente nova. Dicía Facundo Cabral, cantautor arxentino, “Un día coñecín a un vello que, por falta de intelixencia se lle deu por ser sabio”, dende o BNG-AA denunciamos durante os últimos meses a falta de atención dos sabios do noso concello mediante a privatización da recentemente construída e inaugurada residencia de maiores, que sendo un servicio moi necesario para o noso concello, se privatizou mediante un proceso completamente opaco.

Por todo isto e por máis cousas, o BNG da Fonsagrada é unha aposta clara pola mocidade formada, con ganas de traballar que confía nun modelo de goberno rigoroso e con pleno respecto pola democracia, que trata de darlle unha volta a situación actual do noso Concello que, debido á mala xestión, está condenado a desaparecer.