#AlberteFernándezAbsolución

O vindeiro xoves día 25 de outubro foi chamado a declarar nos xulgados de Betanzos o noso Secretario Xeral Alberte Fernández xunto coas outras 13 persoas das #19deMeirás que aínda non declararon. Estas persoas, entre as que se atopa o noso compañeiro, foron denunciadas pola Fundación Francisco Franco e a familia do ditador por delitos que poden sumar até 13 anos de cadea pola realización dun acto simbólico de protesta totalmente pacífica que esixía a devolución do Pazo de Meirás ao pobo galego, despois de ser roubado pola Familia Franco durante a ditadura.

Esta situación dá boa mostra do estado no que se atopa a xustiza española, pertencente ao conxunto das institucións do estado español, herdeiras directas do franquismo; que xulga a quen defende os dereitos e as liberdades democráticas e permite que se siga a facer apoloxía da ditadura.

Somos conscientes de que isto é só un exemplo máis do carácter antidemocrático do estado español, que atopa na represión a vía de perpetuar o réxime do 1978. Ante a evidencia dun réxime esgotado e en especial da necesidade das nacións sen estado de acadar a súa liberdade, emprégase unha represión cada vez maior no canto de argumentos políticos, aumentando a listaxe de persoas represaliadas por motivos políticos no último tempo.

Foto de Alberte Fernández.

Dende Galiza Nova queremos trasladar o noso apoio ao conxunto das 19 persoas denunciadas polo franquismo e en especial do noso Secretario Xeral Alberte Fernández e reivindicamos a súa

 absolución, entendendo que exerceron o seu lexítimo dereito á reivindicación nun día no que o Pazo de Meirás debía estar aberto ao público.

Deste xeito apoiamos a concentración convocada polas #19deMeirás para o vindeiro xoves 25 de outubro ás 11:30 nos xulgados de Betanzos en apoio das persoas que declararán e chamamos a participar da mesma masivamente en repulsa deste réxime antidemocrático.

Leave a Reply

Your email address will not be published.