144 anos de Kollontai e a loita das mulleres traballadoras

kollontaiO 30 de marzo de 1872 nacía en Leningrado a feminista e revolucionaria, Alexandra Kollontai, precursora do feminismo socialista. Interesada polo pensamento marxista desde moi nova, esta muller fundamental na acción e pensamento comunista, desprázase a finais do século XIX a Zurich e será alí onde coñeza aos revolucionarios rusos exiliados. No 1899 afiliarase ao Partido Obreiro Socialdemócrata Ruso, e anos despois participará activamente na insurrección obreira e popular contra o réxime zarista durante a Primeira Revolución, logo do coñecido Domingo Sanguento. A súa incesante actividade política provoca que sexa perseguida e se exilie a Alemaña.

En colaboración con Nadia Krupskaya (feminista bolxevique que revolucionou a educación para as mulleres) traballou na construción dun movemento forte de mulleres, combatendo as ideas do feminismo burgués e defendendo a importancia dunha loita feminista e de clase no seo do movemento obreiro. Nas súas memorias relata algunhas das súas estratexias dende a clandestinidade. Por exemplo, cando en decembro de 1908 tivo lugar en Leningrado, e convocado polas feministas “burguesas”, o Primeiro Congreso Feminino, Kollontai non puido asistir, porque pesaba unha orde de detención sobre ela, pero puido preparar a intervención dun grupo de obreiras. Estas tomaron a palabra para sinalar a especificidade da problemática das mulleres traballadoras e cando se propuxo a creación dun centro feminino interclasista, abandonaron o congreso. Kollontai, ao igual que Clara Zetkin ou Rosa Luxemburgo tamén prestaron atención á crítica da familia e a dupla moral, e relacionaron a explotación económica e sexual das mulleres.

Após a Revolución de Outubro de 1917, é nomeada Comisaria do Pobo para a Asistencia Pública no primeiro goberno Bolxevique, instalando unha importante lexislación sobre os dereitos das mulleres: Abolición do matrimonio relixioso, dereito ao divorcio, dereito ao aborto, dereito das mulleres a conservar o seu apelido logo de se casar, mais tamén unha lexislación laboral específica e adaptada ás mulleres.

Alexandra Kollontai puxo nun primeiro plano teórico a igualdade sexual e mostrou a súa interrelación co triunfo da revolución socialista. Pero tamén foi ela mesma, ministra durante só seis meses do primeiro goberno de Lenin, quen avisou sobre o rumbo preocupante que ía tomando a revolución feminista na Unión Soviética. A igualdade de sexos estabelecérase por decreto, pero non se tomaran medidas específicas, hoxe chamariámoslle ideoloxía patriarcal.

Hoxe máis ca nunca debemos ter en mente o exemplo das mulleres revolucionarias como Rosa Luxemburgo, Alexandra Kollontai, Inessa Armand ou Clara Zetkin entre moitas outras máis, axudaron a construír tamén un mundo mellor para nós, as mozas. As mesmas que sufrimos as políticas “anticrise”. Esas que non son máis ca un eufemismo para agochar a realidade dos ataques ás mulleres con políticas antisociais que atentan contra os dereitos recoñecidos da clase traballadora. Cando falamos de Kollontai, falamos pois, dunha revolucionaria, feminista de clase e incansábel loitadora por un outro sistema económico que superase a opresión capitalista que relegaba e relega ás mulleres a un plano secundario.