American Pie, a festa do machismo

Iria Buíde, integrante da Dirección Nacional e da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova Lugo.

O pasado 9 de Marzo, un día despois das impresionantes mobilizacións que tiveron lugar na Galiza polo Día da Muller Traballadora, celebrouse en Mos a polémica festa American Pie a cal, colgando o cartel de pechado e resultando altamente polémica tras a súa realización, viña a poñer de manifesto novamente que o activismo feminista non debe quedar relegado a unha xornada, se non manterse durante todo o ano, e que aínda queda, a pesar do xigantesco avance, moita loita feminista por diante. Por se isto non fora suficiente, esta semana chegaba aos oídos de todas nós que a organización deste evento pretende realizar unha xira cuxa seguinte parada será a miña cidade, Lugo.

Para poñernos en contexto e entender a gravidade desta noticia hai que comezar por falar da propia festa. A festa American Pie é un evento temático para maiores de 18 anos (en teoría) no que se pretende recrear unha “típica festa americana ao estilo da película American Pie” e na que se reproducen escenas da devandita saga. Entre as condicións que pon a organización do evento para acudir á festa están as de levar unha vestimenta apropiada para un campus universitario norteamericano, no caso dos homes poden ir de xogadores de fútbol americano ou baloncesto, mascotas do equipo, “empollóns” e, no caso das mulleres, de animadoras ou colexialas sexys entre outros. Ademais, o lugar exacto no que se realiza a festa non se da a coñecer ate o mesmo día por medio dunha mensaxe de texto a todas aquelas persoas que adquiriran unha entrada.

A pesar de toda a información da festa, claramente machista na súa concepción, esta podería pasar como unha mera broma de mal gusto por parte duns organizadores con ideas cuestionábeis sobre como levar a cabo un evento. O problema ven cando se coñece, xa non só o extremadamente machista que a festa é en si mesma, se non a clase de conductas e abusos  que se reproducen dentro da mesma e a forma de actuar e desentenderse que ten a organización. O lado máis escuro desta festa preséntase cando rapazas asistentes ou non asistentes ás que se lles pediu axuda denuncian abusos sexuais durante o transcurso do evento e a resposta dos organizadores é lavarse as mans xustificándose co argumento de que o evento era para maiores de 18 como se un abuso sexual cometido contra unha muller maior de idade deixase de ser un abuso sexual, xa sen entrar no tema de que, posteriormente, recoñecían a presenza de menores de idade na festa.

…as mulleres somos privadas do noso dereito a divertirnos e rematamos por sentirnos inseguras, incómodas e permanentemente alerta neses espazos.

As mulleres temos dereito a asistir a festas, a desfrutar delas e a divertirnos do xeito que nos veña en gana pero, no canto de entender, respectar e promover isto, somos tratadas como un  reclamo para os homes e, por riba, non se respecta que NON É NON e que se unha muller sobria, ebria ou facendo o pino-ponte di que non quere algo está no seu dereito e debe ser respectada, nunca forzada, acosada nin intimidada. E é por todo isto que, finalmente, as mulleres somos privadas do noso dereito a divertirnos e rematamos por sentirnos inseguras, incómodas e permanentemente alerta neses espazos.

En resumo, non podemos esquecer que o noso corpo non é propiedade de ninguén, que nunca debe ser un reclamo nin un xoguete e calquera persoa incapaz de entender isto merece boicot, máis aínda sendo este un empresario organizador dun evento tan noxento como é a festa American Pie e defendendo certos comportamentos extremadamente machistas e mesmo abusos sexuais co argumento de que é un evento clasificado como +18. Estas son as razóns polas que hai que frear o evento, pedirlles ás alumnas do Campus de Lugo que deixen de vender as entradas para o mesmo, que non sexan cómplices desta barbaridade de festa e que non lle dean credibilidade á xente que organiza este tipo de eventos.

Desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova seguiremos traballando arreo para conseguir que todas as mulleres da Galiza sexamos sempre libres nas festas, nas rúas e na vida.

Queremos ser mulleres libres na patria liberada!