Análise dos datos da EPA: aumenta a precariedade e a temporalidade

Oficina de emprego. Fonte: Sermos Galiza

A mocidade galega enfronta cada día condicións de vida máis precarias. As problemáticas que enfrontamos seguen sendo as mesmas desde os últimos 10 anos: continuamos con traballos precarios no noso país ou na emigración. Os últimos datos da EPA amosan unha baixada na poboación activa no último trimestre de 2017 de 16.300 persoas (unha baixada do 1,3%) fronte ás 16.700 que deixaron de estar ocupadas, mentres que o número de parados medrou só en 400.

Pese a que a poboación ocupada medrou en 6.200 persoas en comparación ao ano 2016, o traballo ao que a mocidade accede é cada vez máis precario e temporal. Deste modo, pese a que aumentaron as persoas ocupadas, os contratos aos que pode acceder a mocidade son de carácter temporal, con contratos por días ou por horas, e xestionados maioritamente a través de ETT’s, o que non supón un solución ao problema do desemprego, senón un parche co que suavizar os datos e agochar a incapacidade do goberno estatal en materia de emprego.

Do mesmo xeito, atopámonos cunha brecha de xénero importante. A taxa de paro das mulleres na Galiza é dun 18,35 % mentres que nos homes se atopa nun 16,55%. No caso da taxa da actividade é dun 53,33 % no caso das mulleres fronte a un 58,80% no caso dos homes. Unha vez máis constatamos o sexismo no ámbito laboral e a dificultade das mulleres galegas para inserirse no mercado laboral.

No noso país, 5 de cada dez persoas mozas non teñen traballo, e as que o teñen perciben salarios que non lles garanten vivir dignamente. A pouca poboación galega que queda con emprego traballa máis horas que a media española e, pola contra, os salarios na Galiza caen ata seren os máis baixos do estado mentres en España suben.

Ante estas cifras, dende Galiza Nova denunciamos que o terrorismo laboral do Partido Popular medra descontroladamente nun país con enormes capacidades a nivel produtivo para xerar emprego de calidade, mais que mentres estea atado ao seu rol de dependencia colonial lle será imposíbel.

A solución para rachar coa miseria está na nosa man, Galiza Nova chamamos a mocidade galega a rebelarse, a organizarse e a loitar para decidirmos o noso propio futuro e construír unha República Galega na que o traballo sexa digno, con dereitos e na terra.

Leave a Reply

Your email address will not be published.