ANUNCIAMOS EN ROLDA DE PRENSA O NOSO 30 ANIVERSARIO NO ANO 2018

Esta mañá anunciamos ante a prensa que este ano se cumpren 30 anos da nosa fundación. Rubén Cela, ex-Secretario Xeral de Galiza Nova e actual membro da Executiva Nacional do BNG remarcou o papel fundamental que tivemos nestes 30 anos organización por ser escola de formación de moita da militancia que a día de hoxe ocupa lugares referenciais na estrutura do BNG, “tanto a nivel nacional coma nas localidades e comarcas, así como en outras organizacións ecoloxistas, culturais, en defensa da lingua, etc. referenciais no ámbito do nacionalismo; sendo un exemplo disto Ana Pontón, actual Portavoz Nacional do BNG”, sinalou Cela.

Alberte Fernández, Secretario Xeral de Galiza Nova, salientou o feito de sermos unha organización que leva tres décadas de traballo político público ininterrompido, sendo referentes en loitas coma a dada en contra do servizo militar español, na defensa da terra sendo parte activa do movemento Nunca Máis, ou pola liberdade das mozas galegas creando unha Asemblea de Mulleres, organismo de carácter autónomo para o desenvolvemento da liña política no eido feminista, feito pioneiro no seu momento.

Remarcou asemade a importancia deste aniversario por ser unha organización xuvenil, o que supón unha renovación constante da súa militancia, e por manterse durante estes 30 anos cunha ampla implantación en todo o territorio galego e que “Isto só foi posíbel grazas ao incansábel traballo de centos de mozas e mozos que participaron de Galiza Nova, sendo de moi diferentes xeracións, mais tendo en común o soño de transformar Galiza e convertela nun país no que a xente nova poidamos vivir dignamente.

Finalmente anunciou que “a Dirección Nacional xa está traballar no lanzamento dunha campaña que terá lugar durante todo o 2018 e que se desenvolverá en todo o País para conmemorar a fundación da organización, por en valor o traballo destes 30 anos e ao mesmo tempo tamén celebrar”.

Leave a Reply

Your email address will not be published.