Apoiamos a Diada 2018 polo dereito á autodeterminación dos pobos

Dende Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, enviamos forza e solidariedade ao pobo catalán na Diada deste 2018, na súa reivindicación de liberdade e independencia, pois para unha nación sen estado coma Catalunya dentro do estado español non existe causa máis xusta ca esa.

Do mesmo xeito reivindicamos a posta en liberdade das presas políticas e a fin da represión por parte do estado español, que neste ano se mostrou verdadeiramente como o que é, coma un estado antidemocrático para o cal a integridade territorial é unha das súas prioridades. Os grandes poderes españois son os grandes beneficiados de manter este estado coma un cárcere dos pobos, e así se está a demostrar nos últimos anos.

A loita do pobo catalán pola súa independencia, ademais, foi o único movemento que fixo tremer de verdade o actual réxime español do 78 nos últimos 40 anos, posto que os movementos de liberación nacional somos os únicos que poñemos en cuestión o modelo implantado neste post-franquismo. É por iso que non podemos facer máis que apoiar a loita das catalás pola autodeterminación, posto que na medida en que debilita o estado español, tamén é a nosa loita.

Visca Catalunya lliure!

Viva Galiza ceibe!