AS MOZAS DA CORUÑA NA DEFENSA DO COF E OS NOSOS DEREITOS SEXUAIS E REPRODUTIVOS!

cof Esta mañá mobilizámonos na concentración de apoio ao Centro de Orientación Familiar, xunto coa Plataforma galega pola defensa do dereito ao aborto e a Plataforma para a defensa da sanidade pública. Ademais fixemos entrega de moreas de escritos dirixidos á Xerencia, para denunciar ante a cidadanía as políticas de recortes de persoal e prestacións, que esta xerencia está a impoñer aos Centros de Orientación Familiar da nosa área sanitaria.

En Galiza, os Centros de Orientación Familiar son os centros especializados, e para moitas persoas, o único servizo público que presta atención en anticoncepción, prevención de cancro de colo de útero, orientación da demanda de interrupción legal do embarazo e atención á problemática psicosexual e de parella.

Na área de saúde de A Coruña que abrangue 37 concellos (dende A Coruña ata Cee) funcionan dous Centros de Orientación Familiar, os dous situados nesta cidade. O que está na rúa Orillamar atende cinco municipios , isto supón aproximadamente 92.000 mulleres en idade fértil. O outro situado no centro de especialidades do Ventorrillo, atende aos outros 32 concellos, que suman unhas 62.000 mulleres en idade fértil.

10527651_614304728679324_3577690681503144987_nAs xubilacións e falta de substitución do xinecólogo e da Técnica en Coidados Auxiliares de Enfermaría do Centro de Orientación Familiar do Ventorrillo dende xaneiro do ano 2013, provoca un serio detrimento no funcionamento destes centros, que ameaza gravemente a atención en saúde sexual e reprodutiva das mulleres da área.

Na práctica isto supón que as usuarias do centro do Ventorrillo teñen que desprazarse ata o Centro de Planeamento Familiar de Orillamar para recibir esta atención xinecolóxica á que teñen dereito a percibir no seu centro de referencia. O cal supón que cando unha muller é atendida no Centro de Orientación do Ventorrillo precisa: colocar un D.I.U., un Implante subdérmico, facer unha revisión despois de un aborto, facer unha ecografía, unha exploración xinecolóxica ou calquera outra consulta xinecolóxica derivada de complicacións ou efectos secundarios dalgún método anticonceptivo, ten que ser remitida ao Centro de Planeamento Familiar de Orillamar. Este trasfego de mulleres supón poñer moitas barreiras á accesibilidade da principal medida de prevención dos embarazos non desexados, que é a anticoncepción. Estamos a falar que este centro soporta nestes momentos unha carga asistencial de 152.000 mulleres en idade fértil repartidas en 37 concellos.

Para poder asumir este volume de traballo a xerencia desta area sanitaria tomou a decisión de suprimir os exames de saúde xinecolóxicos que se viñan facendo dende a súa apertura nestes centros e pasarlle esta prestación aos centros de Saúde. A xerencia demostra un profundo descoñecemento da realidade xa que neste momento a maioría dos centros de saúde non están en condicións de asumir máis presión asistencial, nin están creados os recursos humanos e materiais, para que poidan dar este tipo de atención cun mínimo de calidade. Non podemos esquecer que a atención nesta materia, é moito máis, que a mera prescrición de anticonceptivos hormonais e a realización de citoloxías, tal e como a actual administración quere vender á cidadanía.

As irresponsábeis e irreflexivas decisións desta xerencia demostran unha falta de respecto pola saúde das mulleres, deixándonos nunha situación de indefensión con perda de dereitos básicos e obrigándonos, sobre todo ás mulleres do medio rural a buscar solucións na sanidade privada. Unha vez máis as políticas de recorte de dereitos básicos recae máis especificamente sobre a saúde das mulleres que, como colectivo, sufrimos de novo, a vulneración dos nosos Dereitos Sexuais e Reprodutivos e da nosa liberdade por parte das actuais políticas, que reafirman, unha única identidade feminina asentada na maternidade, apropiándose de novo do corpo e da sexualidade das mulleres, e facendo aínda maiores, as desigualdades existentes entre sexos.

Ante esta vulneración dos nosos dereitos esiximos:

• A inmediata e urxente restauración das prazas de xinecoloxía e de Técnica en Coidados Auxiliares de Enfermaría do COF do Ventorrillo. É necesario que se garanta que todas as mulleres que precisen atención xinecolóxica relacionada co Planeamento Familiar independentemente de que vivan na Coruña ou en calquera outro pobo desta área sanitaria, sexan atendidas dun xeito integral no seu COF de referencia por profesionais que teñan a suficiente formación e o tempo necesario , para poder dar unha atención de calidade.

• Unha planificación racional e seria da atención a nosa saúde sexual e reprodutiva en toda a área de saúde, dende A Coruña ata Cee. Dous Centros de Planeamento Familiar sempre foron insuficientes para una poboación de máis de 152.000 mulleres en idade fértil, segundo as rateos recomendadas pola OMS e pola Federación Internacional de Planificación Familiar. Nestas condicións, a maior parte do tempo debe ser empregado en labores asistenciais, quedando relegados a un segundo plano as dimensións de educación e promoción da saúde. Ademais estes centros nunca foron accesíbeis, están moi lonxe dos núcleos de poboación comprendidos na súa área, ata 100 quilómetros de distancia.

• Formación integral do persoal de atención primaria en materia de Saúde afectivo-sexual e non só en anticoncepción e toma de citoloxías.

• Coordinación entre atención primaria e os COF de modo que se asegure unha atención de calidade contemplando non só a actividade asistencial, senón tamén preventiva e de promoción da Saúde afectivo-sexual.

• Concreción do orzamento preciso para realizar a formación do persoal dos centros de Saúde e para establecer unha coordinación efectiva entre os COF e os Centros de Saúde.
En definitiva, os recortes e a irresponsable xestión da Xerencia deterioran a atención sanitaria que prestan os Centros de Orientación Familiar nesta comarca sanitaria.

Por todo isto, facemos un chamamento á cidadanía, para que siga a participar nas mobilizacións ata asegurar que as mulleres desta área de saúde poidamos exercer o noso dereito a unha saúde sexual e reprodutiva en liberdade, igualdade e con recursos axeitados.

INSUBMISAS E REBELDES NA DEFENSA DOS NOSOS DEREITOS SEXUAIS E REPRODUTIVOS!