No día de hoxe conmemórase o Día Galego da Visibilidade Lésbica. Nesta data lembramos o casamento que tivo lugar no 1901 na Coruña entre Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga, un fito histórico no que dúas mulleres galegas bravas lograron rachar coa norma social convertendose en pioneiras do movemento LGBT en Europa. Mediante unha intelixente estratexia, como parte da cal Elisa se fixo pasar por un primo ficticio, Mario, as mozas puideron casar pola igrexa. Non obstante, isto supúxolles a Elisa e Marcela unha gran persecución pública que as obrigou a refuxiarse primeiramente en Portugal e finalmente na Arxentina. 

Xuntas, reveláronse contra un mundo inxusto que lles dicía que o seu amor non podía ser real, que iba en contra da natureza, da ciencia e da relixión. Elas loitaron contra a sociedade cisheteropatriarcal, e a súa historia converteunas en referentes para as xeracións que viñemos despois.

Un século máis tarde, persisten na nosa sociedade comportamentos que promoven o odio por mor da sexualidade e/ou a identidade de xénero de cadaquén, ata o punto de resultar as agresións e discriminación por LGBTfobia os segundos delitos de odio máis denunciados en todo o Estado Español, só despois dos casos de racismo/xenofobia. Ademais, no caso das lésbicas galegas súmanse outras opresións pouco visibles: o feito de sermos mulleres nunha sociedade patriarcal, sermos pertencentes a unha nación sen estado e formarmos parte da clase traballadora. A estes factores que nos unen na mesma trincheira súmanse outras moitas diferenzas que lonxe de afastarnos deben servir de pegamento, pois somos infinitamente diversas e ahí reside a nosa forza. Así, as mozas con diversidade funcional ou psíquica, as mulleres racializadas ou migrantes, as trans, os colectivos que habitamos as marxes, as que somos invisibles para o sistema máis non por iso deixamos de sufrir a súa violencia, sumamos as nosas forzas para derribar o cisheteropatriarcado.  

Desde Galiza Nova sumámonos a esta loita para construír unha república galega libre de explotacións, libre de discriminacións e odios. E por iso reivindicamos a memoria de Elisa e Marcela, por todas as que desafiaron o cisheteropatriarcado antes ca nós, e por todas as que o facemos cada día.

Leave a Reply

Your email address will not be published.