“As touradas na Galiza, unha imposición española” artigo de Martín Coego

Martín Coego é militante de Galiza Nova na comarca de Pontevedra.

Un ano máis volven as touradas a Pontevedra e, con elas, o debate sobre a súa prohibición como espectáculo baseado na tortura animal. Por un lado podemos atopar a postura antitaurina, que defende un cambio na lei de protección animal para ilegalizar totalmente a tauromaquia; polo outro, os argumentos do lobby taurino en defensa das touradas en base á tradición e suposta boa acollida das mesmas. A postura de Galiza Nova ao respecto (e do BNG en conxunto) evidentemente sitúaa na primeira trincheira, posto que non ten sentido que unha sociedade que se di avanzada participe dun espectáculo tan salvaxe e depravado como é o de torturar a un touro nunha praza. Hai numerosos argumentos para opoñerse ás touradas fundamentados no respecto ao dereito dos animais de ter unha vida digna e sen sufrimento; non obstante, neste artigo gustaríame incidir nun aspecto que se comenta menos neste debate, que é a suposta “tradición” que representan as touradas no noso país.

Habitualmente escoitamos por televisión, prensa e radio a voceiros que defenden que as touradas son a festa nacional, unha antiga e arraigada tradición que debemos preservar xa que forma parte da nosa cultura e idiosincrasia. Non debemos pasar por alto que cando falan de “nacional” refírense a España, asumindo que é unha actividade común e unificadora no conxunto do estado español. Pero ata que punto é certo? Correspóndese isto coa realidade galega?

Podemos resaltar o feito de que na Galiza só exista unha praza de touros como tal, que é a de Pontevedra, a diferencia das 11 que hai en Valencia ou as máis de 30 de Andalucía, para facernos unha idea inicial; tamén podemos ver o número de touradas nas estatísticas do MECD e observar cómo Galiza só tivo 5 festexos taurinos no 2015 e 3 no 2016, sendo tecnicamente a comunidade autónoma con menos touradas de todo o estado español (sen contar Canarias e Cataluña onde están prohibidas), en oposición ás 251 de Madrid, 359 de Castela e León e as 50 de Valencia.

Pero onde os datos se volven incontestables é no que respecta á asistencia de público. Se collemos os datos do MECD, podemos comprobar a porcentaxe de persoas que asistiron a un espectáculo taurino por comunidade autónoma. Collendo os datos do 2014-2015, podemos ver que no noso país só un 0’3% asistiu a touradas ou actividades taurinas de calquera tipo nese período; este número ten un maior impacto se o comparamos cos resultados de outros territorios como Navarra (34’6%), Aragón (23’2%) ou Madrid (12’9%); un caso especialmente curioso é o de Cataluña, que mostra unha maior asistencia que Galiza (1’5%, do cal un 0’6% son touradas e o resto outras actividades nas que se inclúen os correbous) cando alí as touradas están prohibidas dende o ano 2012. Isto xa nos da unha idea do residuais que son estas actividades no país.

Con todos estes datos na man resulta evidente que na Galiza as touradas non teñen arraigo nin popularidade de ningún tipo e se tratan dunha simple imposición cultural, polo que o debate deixa de ser entre animalistas e tradicionalistas como pode ser noutros territorios do estado español, xa que aquí esa suposta tradición non existe como tal. E se isto é así, por que seguen a promoverse e financiarse as touradas, e moitos aínda pretenden convencernos do imposible? Só hai unha resposta a esta pregunta: as touradas na Galiza responden a un intento deliberado por parte do estado español de asimilar culturalmente ao noso país. Serven como vertebrador cultural da súa unidade nacional, semellante á pretensión de Wert de “españolizar a los niños catalanes”, e ante iso están dispostos a deixar todos os cartos e enerxías que sexan necesarios. Por ese mesmo motivo, debemos partir da base de que a loita contra as touradas na Galiza non é exclusivamente unha loita animalista (aínda que este compoñente da mesma é fundamental), senón unha loita que as nacionalistas debemos asumir si ou si contra a aculturación que nos impón o estado español.