Aumenta o desemprego e a precariedade laboral

O Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) vén de publicar os datos de desemprego do mes de novembro, amosando o maior aumento de desemprego que houbo neste mes desde o 2012. Isto confirma que nin se trata dunha crise temporal, nin hai recuperación económica. O problema reside nas políticas neoliberais do Partido Popular.

O desemprego en Galiza continúa a empeorar, aumentando a cifra en 4.614 desempregadas e posicionando a a Galiza como a terceira comunidade con peores datos de todo o Estado español. A afiliación á Seguridade Social tamén disminúe en 3.009 persoas.  Mais o problema real non só reside no número de persoas asalariadas, senón no tipo de contrato e nas condicións das traballadoras. O 94.95% dos contratos asinados en novembro son precarios, é dicir, son temporais ou a tempo parcial. E en canto á dobre precariedade (contratos temporais e a tempo parcial) estaríamos falando dun 31.99%. Isto significa que a case totalidade das persoas que comezaron a traballar, fixérono accedendo a traballos de un mes, de semanas, ou mesmo de días, evidenciando a escasa duración dos contratos para un número importante de traballadoras, que se manteñen no mercado de traballo nunha situación moi precaria.

A todo isto debemos engadir a precariedade á que nos afrontamos as mulleres, con taxas de desemprego superiores e peores condicións salariais. Falamos, pois, dunha tripla opresión, xa que alén de sermos galegas e novas, temos que facer fronte á ofensiva patriarcal.

Ante esta realidade, resultado da inutilidade das reformas laborais aplicadas polo PSOE e o PP para xerar emprego e para que este sexa digno e de calidade, precisamos facer fronte aos nosos problemas. Galiza precisa de soberanía, para que as mozas galegas poidamos traballar na nosa terra, para terminar co espolio que nos impoñen desde o goberno español e construír unha Galiza dona do seu e con empregos dignos.