Basta de mentiras e precariedade. Emprego digno e de calidade.

Esta semana a Xunta de Galiza anunciou un novo plano de emprego xuvenil ao que destinará máis de 9 millóns de euros de diñeiro público. Ao longo dos últimos anos vimos como dende as distintas institucións se foron implementando diferentes planos de emprego que non resolveron o grave problema de desemprego xuvenil e precariedade laboral da xente moza, só son parches que non solucionan máis que dun xeito superficial o grave problema estrutural da mocidade galega.

Asistimos pois, a un novo plano de emprego deseñado polo goberno da Xunta que afonda nas axudas ao emprendemento e potencia o autoemprego. Isto supón na práctica por unha banda unha maior precarización do emprego, posto que moitas empresas realizan contratacións encubertas por esta vía, e pola outra unha incerteza total, pois ao longo do tempo, o 80% dos proxectos que se inician neste sentido rematan por fracasar despois de 2 anos.

Denunciamos tamén que se utilicen cartos públicos como incentivos á contratación como bolsas temporais de emprego e con salarios insuficientes, que afondan na temporalidade e precarización da mocidade galega e supoñen un impedimento máis para a súa estabilidade. Cabe salientar tamén o importante papel que teñen as Empresas de Traballo Temporal neste tipo de planos, que a través da explotación da mocidade obteñen un grande beneficio económico a través de diñeiro público.

Proba de que estos planos de emprego, nos cales a Xunta inviste 9 millóns de euros este ano, non funcionan é que a situación da mocidade galega non mudou o máis mínimo nos últimos anos cunha taxa de desemprego inasumible para poder desenvolver a nosa vida plenamente na nosa terra.

Desde Galiza Nova consideramos necesarias non máis reformas cosméticas, senón planos de actuación reais dende as institucións para rescatar os sectores produtivos da Galiza e xerar emprego estábel e de calidade para a mocidade e o conxunto do pobo galego.

Do mesmo xeito esiximos as seguintes demandas urxentes para a mellora das condicións laborais da mocidade galega:

  • Derrogación das dúas reformas laborais do PSOE e o PP que abaratan o despedimento e precarizan o emprego en xeral para a mocidade e o pobo galego.
  • Impulsar o financiamento da investigación e todo tipo de proxectos en Galiza para xerar postos de traballo de calidade na nosa terra, para que as nosas xeracións máis formadas non teñan que seguir a emigrar.
  • Iniciativas para a recuperación de novas e novos investigadores/as que emigraron, para que poidan desenvolver o coñecemento e investigación nos secores estratéxicos galegos.
  • Derrogación do retraso de idade de xubilación, que ademais de ser inxusto coas persoas maiores, retrasa o acceso ao traballo da mocidade.
  • Eliminación das horas extras e redución da xornada laboral a 35hs semanais, para avanzar nas condicións de vida dignas e ampliar os postos de traballo.
  • Eliminación das Empresas de Traballo Temporal e dos contratos precarios.