Basta de terrorismo machista!

12698285_1710221259224294_5766008251922875870_oAna Gómez é a primeira asasinada por terrrorismo machista neste 2016 en Galiza. Na tarde do xoves, malia que a prensa sistémica insiste en dicir que morreu, foi asasinada polo seu compañeiro en Becerreá. Estamos de novo diante dun asasinato consentido pola pasividade do goberno e das institucións. É por iso, polo que non perdoamos os seus recortes en igualdade e en políticas contra o terrorismo machista.

Hoxe máis ca nunca, é necesario seguir saindo á rúa para denunciar todas as violencias que se exercen sobre nós e condenar as políticas retrógradas do goberno que está a usar a crise como escusa para xustificar o desmantelamento de todos os servizos contra a violencia machista. Alén dos ataques aos nosos dereitos acadados por nós mesmas, deixándonos na indefensión a todas as mulleres.

A magnitude dos dados estatísticos -que son só a punta do iceberg- xunto coa (re)produción de múltiples formas de violencia, moitas veces invisibilizadas, urxen unha resposta social colectiva mais tamén política e institucional que non fique só na repulsa ou condena. É precisa a adopción de medidas integrais efectivas que combatan o machismo e pulen por un outro modelo de relacións entre as persoas baseado na equidade.

Como xa ten reclamado o grupo parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Parlamento, é preciso mudar a lexislación vixente para outorgar visibilidade ao que está a acontecer deixando en evidencia que non se tratan de casos illados, de carácter privado ou meramente sentimental, senón que constitúen un feminicidio. Isto é, como definiu xa en 1990 Diana Russell, “o asasinato de mulleres realizado por homes por [razóns de] odio, desprezo, pracer ou un sentido de propiedade”

Dende a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova facemos un chamamento á mobilización de toda a mocidade galega para que tome parte nas concentracións que terán lugar este sábado ás 20:00h en varias localidades do país.

Quéremonos vivas, insubmisas e rebeldes!