BASTA DE TERRORISMO MACHISTA

DSC_00132Novamente atopámonos ante o asasinato por terrorismo machista dunha muller galega, Tatiana Vázquez Abuín, veciña de Castro de Rei e de 24 anos de idade. Este dado convértea nunha das asasinadas por violencia machista máis novas. Foi asasinada polo simple feito de ser muller nunha sociedade machista e patriarcal, que entende as relacións entre mulleres e homes a través da dominación, o control e a dependencia. Mentras tanto, o goberno da Xunta non activa ningún protocolo, non realiza campañas contundentes contra o silencio e a complicidade, e non promove a coeducación nos centros educativos para camiñar cara unha sociedade verdadeiramente igualitaria e avanzada.

Como xa ten reclamado o grupo parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Parlamento, é preciso mudar a lexislación vixente para outorgar visibilidade ao que está a acontecer deixando en evidencia que non se tratan de casos illados, de carácter privado ou meramente sentimental, senón que constitúen un feminicidio. Isto é, como definiu xa en 1990 Diana Russell, “o asasinato de mulleres realizado por homes por [razóns de] odio, desprezo, pracer ou un sentido de propiedade”

Hoxe máis ca nunca, é necesario seguir saindo á rúa para denunciar todas as violencias que se exercen sobre nós e condenar as políticas retrógradas do goberno que está a usar a crise como escusa para xustificar o desmantelamento de todos os servizos contra a violencia machista. Alén dos ataques aos nosos dereitos acadados por nós mesmas, deixándonos na indefensión a todas as mulleres.

Por iso, desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova facemos unha chamamento a toda a sociedade galega para encher de raiba e indignación as rúas do país asistindo ás concentracións que os distintos movimentos feministas convocan en repulsa do terrorismo machista.

INSUBMISAS E REBELDES! EN NÓS NON MANDA NINGUÉN

Concentracións na Galiza:
Ourense, na Castañeira ás 20:00
Ferrol, diante do Concello ás 20:00
A Coruña, Obelisco ás 20:00
Compostela, Porta do Camiño ás 20:30
Pontevedra, diante da Audiencia, 20:00
Lugo, diante do concello, ás 20h.
Vigo, no Marco ás 19:30
Val Miñor, parque da Ramallosa, ás 20h.