Basta de terrorismo machista #QuerémonosVivas

Perante o novo crime de violencia machista acontecido na Galiza, desta volta en Vigo, xunto co asasinato de outras dúas mulleres en menos de 24 horas no conxunto do Estado español (Euskadi e Murcia) desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova queremos amosar o noso máis profundo rexeitamento.
Porén, non queremos ficar caladas. Ese silencio institucionalizado faríanos cómplices. Queremos lanzar un berro de raiba, de denuncia contra este sistema patriarcal que nos somete, agrede e asasina día a día.
No que vai deste ano no noso país foron asasinadas catro mulleres: Isabel Fuentes (8 de maio, Ourense); Beatriz Rodiguez (5 de xullo, Arbo) e dúas en Vigo entre setembro e outubro das que se descoñecen até o momento as identidades. Cifras que se incrementarían de seren computados todos os crimes por razón de xénero, mais que a lexislación española actual non contempla como violencia machista. Eis o caso de Adela López, asasinada en 2014 ou mesmo o de Amaia e Candela este ano en Moraña, cuxo obxectivo era prexudicar a nai.
A magnitude dos dados estatísticos -que son só a punta do iceberg- xunto coa (re)produción de múltiples formas de violencia, moitas veces invisibilizadas, urxen unha resposta social colectiva mais tamén política e institucional que non fique só na repulsa ou condena. É precisa a adopción de medidas integrais efectivas que combatan o machismo e pulen por un outro modelo de relacións entre as persoas baseado na equidade.
Aliás, e como xa ten reclamado o grupo parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Parlamento, é preciso mudar a lexislación vixente para outorgar visibilidade ao que está a acontecer deixando en evidencia que non se tratan de casos illados, de carácter privado ou meramente sentimental, senón que constitúen un feminicidio. Isto é, “o asasinato de mulleres realizado por homes por [razóns de] odio, desprezo, pracer ou un sentido de propiedade” (Diana Russell, 1990).
Participa nas concentracións contra o terrorismo machista que terán lugar este mércores ás 20:00h nos seguintes lugares:
A Coruña: Obelisco
Compostela: Porta do Camiño
Pontevedra: Audiencia Provincial
Ferrol: Praza do Concello
Ourense: Castañeira
Lugo: Diante do Concello
Barbanza: Praza Castelao
Vigo: Marco
#QuerémonosVivas