Bautista Álvarez: Unha vida ao servizo da patria galega

No día de hoxe conmemoramos o primeiro aniversario do pasamento do fundador do BNG e militante de honra de Galiza Nova, Bautista Álvarez.

A súa foi unha traxectoria vital marcada pola defensa de Galiza como nación, do seu dereito á autodeterminación e á independencia, pois, dende moi novo foi unha peza chave na reorganización do nacionalismo galego despois de que a ditadura franquista tronzara o Partido Galeguista coa represión e exilio dos seus grandes referentes, e mesmo co asasinato de Bóveda.

Bautista Álvarez formou parte do Grupo Brais Pinto que nos anos 60 sería o impulsor da creación das novas organizacións políticas do nacionalismo galego. No ano 68, foi quen redactou o panfleto que convocaba a concentración do 1968 do primeiro Día da Patria Galega, sendo un termo da súa creación. Con posterioridade sería un dos grandes referentes da AN-PG e o BN-PG, co cal chegaría a ser electo deputado e posteriormente expulsado do parlamento galego por non acatar a constitución española e o estatuto por consideralos unha farsa á democracia e coloniais con respecto a Galiza.

Tras ser unha peza chave nas organizacións precedentes ao BNG, no ano 1982 participou activamente na fundación do mesmo, manténdose nas seguintes dúas décadas coma un dos seus principais referentes dende a coherencia coa súa ideoloxía e coa súa traxectoria. Foi membro do seu Consello Nacional polas seguintes dúas décadas e exerceu como portavoz do BNG en momentos tan significativos coma a manifestación contra o traslado dos restos de Castelao a Galiza sen estar esta liberada aínda no 1984, ou en Días da Patria Galega.

A Bautista Álvarez debémoslle, entre outras cousas, ser un dos fundadores do noso movemento político actual, servir de conexión co ideario de Castelao e actualizalo á realidade da Galiza do seu momento, así como impulsar o avance do nacionalismo galego en todos os eidos. Ao mesmo tempo, durante toda a súa traxectoria política, demostrou sempre unha especial preocupación pola mocidade, feito que levou a que fora nomeado militante de honra de Galiza Nova.

No 16 de setembro do 2018, un ano despois do seu pasamento, dende Galiza Nova queremos lembrar esta figura e reivindicamos o seu legado teórico e práctico á hora de seguir traballando pola liberación nacional da nosa patria, polo mesmo ao que o noso compañeiro Bautista Álvarez adicou toda a súa vida.

Leave a Reply

Your email address will not be published.