Bueu, coa forza da mocidade! conversa con Silvia Carballo

silviaSilvia Carballo González é a número 3 do BNG-Asembleas Abertas ao Concello de Bueu. A súa inquedanza pola política comezou xa no instituto, cando comezou a ir a manifestacións e a involucrarse no movemento estudantil. É estudante de Filoloxía Galega na USC, onde colaborou con sindicatos estudantís e con outras actividades relacionadas coa nosa lingua. Leva varios anos participando nos labores do BNG de Bueu e é militante de Galiza Nova.

-Por que decidiche dar o paso adiante que supón participar na candidatura do BNG-Asembleas Abertas?

-O motivo polo que decidín unirme a esta candidatura é pola miña conformidade co labor que o BNG leva desenvolvendo en Bueu nestes últimos oito anos. Oito anos nos que en Bueu se levou a cabo unha transformación en tódolos eidos e que pretendemos consolidar nos vindeiros catro anos.

-Como entendes a política municipal?

-O Concello é a administración máis próxima á cidadanía, o cal permite coñecer as necesidades da nosa veciñanza de primeira man. Deste xeito, podemos permitirnos facer unhas políticas participativas en tódos os eidos, nas que a voz do pobo non só se escoita senón que é fundamental para levalas a cabo. Ademais, nos ámbitos nos que o Concello non ten competencia funciona como mediador e defensor directo da cidadanía. Por este motivo, para min a política municipal é a base na que comezar o cambio, como xa se leva facendo en Bueu nos últimos oito anos, unha vila na que pese a crise económica non deixou de medrar.

Cales son as alternativas que ven defendendo e levando á práctica o BNG-Asembleas Abertas para a mocidade?

-A mocidade de Bueu estamos sufrindo de primeira man o problema do desemprego, por iso, aínda que moitas das competencias en materia de emprego son da Xunta, imos potenciar a posibilidade de empregar á mocidade aproveitando os nosos recursos naturais, ademais de apoiar e promocionar as iniciativas empresarias que xurdan entre a xuventude. Queremos seguir fomentando o deporte dende a base, tanto individual coma colectivo. Ademais, queremos fomentar a cultura galega tanto no que respecta ás súas tradicións como ás novas expresións artísticas.

Leave a Reply

Your email address will not be published.