“Caballero e Feixóo: verdugos da nosa auga” Acción de Galiza Nova en Vigo

No día de onte, un grupo de militantes de Galiza Nova quixemos denunciar a hipocrisía do alcalde vigués, Abel Caballero, ao deixar claro co meco deste ano que se desentende do problema da xestión da auga ao limitarse a botarlle a culpa a Feijóo. Ao mesmo tempo, tamén sinalamos a hipocrisía deste último, como titular da Xunta de Galiza, actuando de maneira similar ca Caballero neste tipo de casos, eludindo responsabilidades en lugar de propoñer solucións.

A temática escollida da acción foi a mesma ca elixida polo alcalde para o meco: a cuestión do transvasamento e da mala xestión da auga. Como sinalamos, Caballero esquece falar do malgaste de auga ou de que o seu propio partido non ten unha posición clara sobre o asunto.

Pero a temática da faixa podería ter sido calquera outra: o peche do punto xove, único no centro da cidade, o desmantelamento dos servizos para a mocidade na casa da xuventude, o fin da rede museística de Vigo, etc., medidas que non dependen para nada da Xunta, pero que o alcalde, con mecos coma o elixido, pretende introducir na opinión pública.

Máis acertadamente poderíamos ter escollido outro tema que involucre aos dous, tanto a Caballero como Feijóo, como é a cuestión da non posta en marcha da área metropolitana. É un dos maiores exemplos de mala xestión e de interese propio. Ambos residen comodamente na súa inacción, porque a ambos lles beneficia criticar ao outro para eludir a súa responsabilidade.

Por todo isto, hai motivos de sobra para pendurar faixas regularmente sobre todos aqueles temas que as e os habitantes de Vigo e comarca sufrimos por culpa da falta de talla política de ambos xestores.