Carla Martínez, nova responsábel comarcal en Celanova-Baixa Limia

Celanova, 10 de maio de 2021. Nun encontro aberto o pasado sábado, no que participou Paulo Ríos, Secretario Xeral de Galiza Nova, constituíuse a comarca de Galiza Nova en Celanova. Carla Martínez , veciña da localidade de Celanova e estudante de Historia , foi escollida como responsábel comarcal. Fíxoo acompañada das tamén integrantes de Galiza Nova e compañeiras da comarca Ánxela Cao, Laura Pérez e Luis Soto.

De esquerda a dereita: Ánxela Cao, Paulo Ríos, Laura Pérez, Carla Martínez e Luis Soto.

Carla Martínez,  Responsábel Comarcal, destacou  que “varias mozas e mozo de Celanova decidimos dar o paso nunha nova etapa reivindicativa, coa finalidade de loitar polo futuro da comarca”. Tamén fixo fincapé en que o obxectivo “é ser escoitadas e ter voz propia para que a mocidade deixe de ser a gran esquecida, sobre todo, nesta vila”.

Considerou ademais que “cada vez somos máis as que temos que marchar pola falla de oportunidades, mais queremos vivir e traballar na nosa terra e, por iso, afrontamos este proxecto con tanta forza e ilusión”. Segundo Martínez “chegou a hora de loitar polas nosas inquedanzas”

A aparición da organización xuvenil do BNG nesta comarca  xorde do aumento no interese da mocidade da comarca, que percibe a necesidade de dar voz á mocidade para solventar os conflitos que enfronta a comarca e afrontar as súas necesidades actuais e futuras. A primeira actividade da comarca será o desenvolvemento de repartos e coladas da campaña de lingua de Galiza Nova, na que se anima á mocidade a rebelarse e dar un paso máis para falar galego.

Leave a Reply

Your email address will not be published.