Chega unha nova edición do Festigal!

Kepa Junkera & Sorginak, Poetarras, Arrhythmia, Biribirlocke, Falua, Fran Amil e a Tribo Incomprensíbel, AldaoLado e Fanfarria Taquikardia conforman o cartel do Festigal 2016. Ademais, Esposa, a banda gañadora do concurso Novos Valores, abrirá esta XV edición na que tamén haberá un espectáculo de maxia con Martín Camiña e a charanga Os Campantes da Baña amenizará a festa.

Como cada ano, o evento será o 24 e 25 de xullo, no campus sur de Santiago de Compostela e está organizado por Galiza Nova e pola Fundación Galiza Sempre. “O Festigal é un grande espazo reivindicativo e festivo arredor do Día da Patria Galega que une música, letras, ideas e debates; un escaparate da cultura do país que serviu durante estes anos para o lanzamento de grupos de artistas agora consolidados”, explicou Alberte Mera, secretario xeral de Galiza Nova. “O reto deste ano do Festigal é incrementar as 20.000 persoas que asistiron na edición pasada”, engadiu.

Pola súa parte, Tania Ameneiro, da Fundación Galiza Sempre, deu conta da variedade de estilos dos grupos musicais participantes. Postos de artesanía, eventos deportivos, obradoiros infantís e colectivos sociais que desenvolven o seu traballo polo país terán tamén espazo de seu no Festigal. Haberá unha zona de acampada cun prezo solidario e colaborativo de 3 euros, previa inscrición na web do Festigal.

Olalla Rodil, compañeira de Galiza Nova, destacou que a Galería das Letras e das Ideas terá como eixe tres figuras como Castelao, as Irmandades da Fala e Manuel María, que se están a conmemorar este ano. “O Festigal faise de maneira autofinanciada e autoorganizada, con máis de 300 pesoas voluntarias, que posibilitan que isto saia adiante”, concluíu.

Non o dubides, ven gozar do Festigal!