Martín Coego é militante de Galiza Nova na comarca de Pontevedra.

Ciudadanos trae o terrorismo a Pontevedra

Nos próximos días, o partido Ciudadanos vai facer un acto en Pontevedra presentando o novo libro de Leopoldo López, un mediático político venezolano que é, segundo os grandes medios, un preso político vítima do réxime venezolano, que o mantén no cárcere polo feito de ser opositor a Maduro. Isto vai en sintonía co discurso dominante sobre Venezuela no que, sempre segundo os medios de masas, un malvado ditador (curiosamente escollido democraticamente por máis da metade dos votantes) se enfronta a unha oposición pacífica, democrática e independente que só quere devolverlle a liberdade a Venezuela.
Aínda que esta versión da historia é a máis estendida no noso país, xa que en maior ou menor medida conta co apoio de todo o poder mediático e político español, ten pouco a ver coa realidade: a oposición de Venezuela que Leopoldo López lidera non é nin pacífica, nin democrática nin independente, como xa quedou demostrado en numerosas ocasións.

A oposición de Venezuela que Leopoldo López lidera non é nin pacífica, nin democrática nin independente, como xa quedou demostrado en numerosas ocasións.

É pouco coñecido na nosa contorna que Leopoldo López foi detido, entre outras cousas, por estar detrás das revoltas contra o goberno coñecidas como “guarimbas” que sucederon no ano 2014, protestas violentas coa pretensión de desestabilizar o país que remataron con 43 mortos e un cento de feridos. O que estas guarimbas perseguían era provocar unha resposta violenta por parte das forzas do estado, e deste modo deslexitimar ao goberno de cara a comunidade internacional, abrindo o camiño a unha futura intervención estranxeira contra o mesmo. Non é necesario crer a versión do goberno neste caso: no ano 2016, a oposición venezolana aproveitou a súa maioría parlamentaria para presentar unha proposta de amnistía para os seus presos; esta proposta de amnistía, que se pode atopar facilmente por internet ou na propia web do parlamento venezolano, ven a recoñecer todos os delitos cometidos: causar danos públicos, provocar accidentes nas estradas, fabricación, posesión e uso de explosivos, uso de armas de fogo, etc. Xa que logo, o discurso da “revolución pacífica” desmóntase facilmente.

Menos coñecida é a implicación de Leopoldo López no golpe de estado de 2002 que derrocou ao presidente Chávez durante 2 días, golpe que contou coa complicidade tanto dos Estados Unidos como do Estado Español, e que non recibiu apenas condena da comunidade internacional, máis ben o contrario. Este golpe de estado, que foi detido polo enorme apoio popular do pobo venezolano ao goberno de Chávez, rematou con Leopoldo López en prisión. Curiosamente foi amnistiado polo propio Chávez pouco despois.

Este golpe de estado, que foi detido polo enorme apoio popular do pobo venezolano ao goberno de Chávez, rematou con Leopoldo López en prisión. Curiosamente foi amnistiado polo propio Chávez pouco despois.

Este personaxe, definido continuamente como “preso político” polos EEUU e os seus satélites (entre eles o Estado Español), levaría indubidabelmente o apelativo de “terrorista” de estar no bando contrario. Non obstante, xa que o seu grupo político defende os intereses económicos ianquis (que aspiran a expulsar do poder á esquerda bolivariana para tomar o control do país máis unha vez), conta co apoio explícito do sistema a todos os niveis; incluído todo o arco parlamentario español, dende o PP ata Podemos. Naturalmente, un partido profundamente sistémico e reaccionario como é Ciudadanos non vai ser a excepción, e por isto vai levar o sábado ao pai de Leopoldo a presentar o seu novo libro. É a nosa obriga, como internacionalistas e defensores da soberanía dos pobos, mostrar o noso máis profundo rexeitamento cara estes grupos que exercen de ferramentas do imperialismo americano, e rachar co silencio mediático descubrindo as súas mentiras sempre que nos sexa posible.