Coloquio no Condado: “O combate fronte ao patriarcado dende outras trincheiras”

Galiza Nova celebra na comarca do Condado un coloquio baixo o título “O combate fronte ao patriarcado dende outras trincheiras”, con motivo do Día contra as violencias machistas.

O acto virtual terá lugar este sábado 21, ás 11:30h a través da páxina de facebook da organización. Este coloquio enmárcase nas actividades que dende a organización xuvenil do BNG desenvolvemos en todo o país polo 25N. Nelas, baixo o lema “Mulleres combativas contra as violencias machistas”, a Asemblea de Mulleres e a Asemblea LGBT de Galiza Nova inciden ao longo deste mes na autoorganización das mulleres galegas e en combater os ataques que as mulleres trans están sufrindo en moito ámbitos.

Conducido por Rocío Barreiro, militante de Galiza Nova na comarca do Condado e concelleira nas Neves, contará coa participación de Sara Guerrero, Lucía González e Sara Romero.

Sara Guerrero, nada en México, é licenciada de Teatro e Actuación, colaboradora de Píkara Magazine, Novas da Galiza e membro do consello editorial de O Salto Galiza.
Lucía González, nada en Salceda de Caselas, é educadora social, con especial fincapé na diversidade sexual e funcional e activista na Marcha Mundial das Mulleres.
Sara Romero, activista na Marcha Mundial das Mulleres, foi unha das precursoras dunha Lei Trans Galega, tombada polo PP no Parlamento Galego.

Nun contexto heteropatriarcal, que impide ás mulleres vivir con dignidade, a situación de violencias machistas vése incrementada nos sectores máis expostos, como as mulleres racializadas e as do colectivo LGBT. Por ese motivo celebramos este coloquio, que pretende ser unha chamada de atención a situación que se vive nesas outras “trincheiras” do combate fronte ao patriarcado.