‘cómpre tecer redes de resistencia desde o concello e impulsar medidas que creen emprego’

ouConversamos de seguido con Noa, Fabián e Bea, tres moz@s nacionalistas que participan no primeiro tramo da candidatura do BNG Asembleas Abertas no concello de Ourense. Noa Presas é a nº2, ten 27 anos e é licenciada en Filoloxía Galega e traballa como teleoperadora. Fabián Freixedo, natural do Carballiño, ten 21 anos e estuda formación profesional en Ourense, onde vive desde hai varios anos. É responsábel comarcal de Galiza Nova e activista estudantil. Bea Fariñas é do barrio de San Francisco, ten 24 anos e estudou Tradución e Interpretación na Uvigo, onde participou do movemento estudantil nacionalista.

-A pesar da emigración de milleiros de mozas e mozos, con maior crueza no interior da Galiza, Ourense aínda ten un número importante de xente moza. Cales son as problemáticas xerais que afectan as persoas mozas da cidade e a súa contorna?

-Noa Presas: Sen dúbida o desemprego e a propia emigración son o maior problema que enfrontamos. Vivimos nun estado permanente de alerta, a maioría de nós ou está desempregada, ou empregada en precario, polo que a incerteza sobre se teremos que marchar ou non está aí permanentemente. Sentímolo como algo que imos ter que facer tarde ou cedo e acompáñase doutras problemáticas como a falta de políticas específicas para a mocidade, a redución na oferta cultural, as limitacións do transporte canto a liñas e horarios, a limitada oferta formativa, etc.

-Que espera a mocidade galega do BNG?

-Fabián Freixedo: O BNG é un instrumento de cambio social ao servizo do povo galego, e ningunha forza vai ter un maior compromiso coas clases populares galegas. Neste punto, o proxecto de país que representa o BNG sumado o proceso de construción común que incentivou as asembleas abertas, supuxo unha reafirmación da alternativa de cambio que supón o BNG para a mocidade, pois fomos quen de participar na elaboración de programas, falar das nosas problemáticas, expor as nosas alternativas e participar do cambio.

-Nos ámbitos urbanos medra fortemente a alienación e a españolización da sociedade, sobre todo entre a xente moza. Como invertir este proceso, e ampliar o empoderamento do pobo galego?

-Bea Fariñas: Está é, de certo, unha carreira de fondo na que as nacionalistas temos que facer un amplo traballo de conciencación social para contrarrestar a españolización que nos chega desde múltiples e diferentes vías, como por exemplo o deporte, que se usa como arma politizadora e ideoloxizadora de propaganda e exaltación do proxecto español, normalizando nas rúas unha simboloxía que rexeitamos e que representa a negación da nosa nación. Fronte a isto apostamos polo traballo cos movementos sociais de noso e pola defensa dos nosos sinais de identidade e daquelas estratexias que afonden na recuperación da nosa capacidade de decisión.

-O BNG impuslou a inciativa para declarar Ourense cidade antitaurina. Como valorades esta experiencia e que modelo de política cultural defendedes desde os concellos?

-Noa Presas: Sen dúbida de forma moi positiva. Non sempre é fácil levar as iniciativas dos movementos sociais cos que traballamos a espazos como as institucións e que iso se traduza nun avance real, mais con esforzo imos conseguindo pequenos avances, como cando logramos converter Ourense en cidade libre de circos animais. Acreditamos en que a protección animal tamén é unha necesidade social e non ten cabida ningunha actividade que atente contra este principio. Desde o BNG-Asembleas abertas apostamos por un modelo de política cultural que poña en valor o patrimonio e que entenda a política cultural municipal non só desde a perspectiva da necesaria difusión, senón fundamentalmente como o apoio á creación, á produción propia, á investigación e ao asociacionismo cultural, en relación co que somos como nación e como pobo.

-O exilio, unha condena repetida no noso país. Que destacarías das propostas do BNG para a mocidade en materia de emprego?

-Noa Presas: o emprego é unha prioridade e ocupou un lugar central no proceso de debate e conformación do programa de BNG-Asembleas abertas. Entendemos que contra o exilio ao que se ve obrigada a mocidade galega, cómpre tecer redes de resistencia desde o concello e impulsar medidas que creen emprego para que teñamos a oportunidade de quedar na nosa terra. Para conseguir este obxectivo propoñemos impulsar programas concretos que xeren emprego xuvenil dentro dunha ampliación do Plan de Emprego aprobado por iniciativa do BNG e paralizado polo PP e o PSOE e outras medidas como fomentar a creación de cooperativas entre a xente moza como ferramenta de aposta polo autoemprego ou darlle prioridade aos contratos con empresas que lle dean emprego á mocidade da cidade así como outras medidas para aumentar as posibilidades de formación, tanto canto a capacitación laboral como a dereitos laborais.

-A problemática coa Casa da Xuventude de Ourense é un dos moitos exemplos da política xuvenil do PPSOE. Que está a acontecer con este espazo e como quere o BNG a Casa da Xuventude e que alternativas de lecer poden levarse a cabo?

-Fabián Freixedo: A Casa da Xuventude foi un referente para esta cidade, un motor de dinamización e construcción cultural da cal saíu o tecido asociativo que en parte, a día de hoxe, a cidade de Ourense conserva. Dende este punto, vemos como o goberno da Xunta tenta tirar por terra todo o traballo levantado nesa casa. O BNG fai unha aposta en firme por recuperar o modelo de xestión da Casa da Xuventude, o cal deixaba autonomía aos grupos que alí se concentraban, fomentando a participación e o desenvolvemento asociativo, tentando por todos os medios frear o desmantelamento que a Xunta fai deste espazo.

-Como se lle dá protagonismo á xente moza?

-Bea Fariñas: converténdonos realmente en protagonistas, a diferenza do que fan outras forzas políticas para as que só somos un lugar común que mencionar na súa propaganda. No BNG-Asembleas abertas as mozas somos unha prioridade nas propostas e tamén nas caras visíbeis que agora as defendemos publicamente. No caso de Ourense, tres mozas de menos de 30 anos facemos parte dos primeiros sete postos, representando así a realidade da nosa cidade, os problemas do estudantado, da precariedade laboral, da imposibilidade de emancipación e da condea á emigración.

-Como valoras o proceso das asembleas abertas impulsadas polo BNG e Galiza Nova?

-Fabián Freixedo: Cabe dicir que o BNG nunca perdeu o seu caracter asembleario que outros partidos xa tiñan erradicado. Neste proceso de incentivo de asembleas abertas valóroo moi positivamente. Fomos quen de ampliar a nosa capacidade para conectar coas clases populares galegas, que elas visen que o BNG é un instrumento ao servizo do povo e mediante o cal se pode encetar procesos de cambio social. Nese aspecto, as asembleas configuráronse como espazos participativos, de diálogo, que serviron para crearmos un proxecto común para a nosa cidade.