Hoxe vimos de asistir a exhumación dunha momia, mais o que representa esa momia sigue presente no día a día da nosa sociedade. Unha exhumación que só pode ser vista como unha xogada do PSOE para facer crer á sociedade dun novo xiro á esquerda e a vontade de pechar o capítulo máis obscuro do noso país e o conxunto do estado.

Mais se o goberno pensa que con esta xogada remata cos agravios de 40 anos de ditadura e outros tantos de “modélica” democracia, é que vive de costas á realidade. Vive de costas aos milleiros de familiares que aínda non puideron enterrar aos seus, de costas á xente que sufriu o desterro e a represión máis absolutas, de costas a un pobo galego obrigado a ver como a familia do ditador Franco sigue a disfrutar dos bens obtidos a través do espolio.

A exhumación do cadaver do ditador do Val dos Caídos non é máis que un xesto baleiro con tintes electoralistas. Os restos de Franco e do franquismo deben ser expulsados de todas as estruturas e institucións do estado español e non só de xeito simbólico.

Acabamos de ver como o franquismo máis rancio non desapareceu da sociedade española nin da sociedade galega. A sentenza contra as presas políticas catalás e as posteriores mobilizacións poñen de manifesto que o fascismo e nacionalismo español está totalmente arroupado polo poder e os medios, os cales denominan como “constitucionalistas” ou “defensores da unidade de España” a grupos violentos fascistas que portan simboloxía franquista como se nada pasase.

Dende Galiza Nova non deixaremos de repetir que esta exhumación non deixa de ser un xesto de cara á galería, unha argallada feita por e para a foto e os titulares, mais cunha vontade nula de cambiar a realidade.

Esiximos que a familia Franco devolva todo o roubado ao pobo galego así como a ilegalización da Fundación Francisco Franco, a cal continúa a ser financiada polo estado español. Ademais disto esiximos a restauración da memoria das vítimas do franquismo e o desterro de calquera simboloxía fascista da nosa sociedade e das nosas rúas.

Hoxe e sempre: Fascismo Nunca Máis

Leave a Reply

Your email address will not be published.