Comunicado de Galiza Nova sobre a campaña “Rachemos co Xacobeo”

A mocidade galega leva décadas sufrindo unhas políticas que nos conducen a escoller entre a precariedade extrema e a emigración, nun país en que se está a destruir o sector industrial e os sectores produtivos, mentres se afonda nunha terciarización da economía galega que só trae consigo aínda máis precariedade, temporalidade e emigración. Galiza precisa unha economía forte, diversificada e desenvolvida, a partir do aproveitamento dos seus recursos ao servizo do noso país e da aposta polo coñecemento, capacidade e talento da nosa sociedade.

As mozas galegas non vemos a posibilidade de ter futuro digno na nosa terra coas políticas do Partido Popular, que reducen a Galiza a un modelo low cost de servizos de baixo custe, que non xera riqueza e que afonda na dependencia do noso país, como xa temos denunciado en numerosas ocasións.

Reivindicamos unha Galiza con futuro digno para a mocidade, cun goberno que aposte realmente polo noso país, polos sectores verdadeiramente estratéxicos, pola xeración de riqueza e valor engadido. Un país que desenvolva todo o seu potencial, a partir do impulso de políticas públicas que lle sexan leais e crean nel. Un País vivo, que defenda a súa cultura e a súa lingua e que lle conceda un papel protagonista en todos os escenarios. Non imos aceptar nunca o destino que nos debuxa o Partido Popular, no que a mocidade non poida ter un emprego digno nin que máis da metade das mozas galegas non poidan acceder a unha vivenda nunhas condicións aceptábeis.

Condenamos tamén a burda estratexia de manipulación do Partido Popular, que tenta enganar á sociedade galega facendo unha caricatura das denuncias da nosa organización, co fin de enmascarar a súa folla de ruta antigalega e antisocial. O presidente da Xunta tacha de radical a nosa campaña e non atopa radical que 200.000 mozas teñan que marchar do país na busca dun futuro digno que se lles nega na nosa terra.

Co fin de que non caiban malentendidos nin manipulacións posíbeis, procedemos á retirada da imaxe e lema da campaña, resaltando o noso total apoio cara os diferentes sectores económicos galegos implicados, que veñen de vivir ademais tempos especialmente duros pola crise económica e a pandemia.

Ao tempo, reafirmámonos nas denuncias da nosa campaña. Imos seguir traballando por unha mocidade con futuro, con emprego digno na terra e acceso a unha vivenda. Por un país vivo, con industria de seu e uns sectores produtivos fortalecidos, que aposte pola investigación e pola ciencia.

Non imos permitir que o Partido Popular manipule o noso traballo e propostas en favor dun futuro digno para a mocidade galega . Desde Galiza Nova seguiremos defendendo os intereses da mocidade galega contra aqueles que queren relegar a este país á irrelevancia e á dependencia.