Comunicado fronte o avance da ultradereita

No día de hoxe coñecemos os resultados das eleccións celebradas en Andalucía. Nelas a maior novidade, a parte da baixada do PSOE e Podemos, é a aparición no escenario político institucional da extrema dereita máis reaccionaria cos 12 escanos obtidos por Vox.

Dende o nacionalismo xuvenil xa temos analizado en moitas ocasións o avance da ultra dereita a nivel internacional como resorte empregado polo sistema para acaparar o descontento. Neste caso, aínda que no estado español esta xa estivo sempre representada polo PP, tamén apareceu Vox, cun carácter moito máis violento e reaccionario. Entre as propostas deste partido atópanse a supresión automática das comunidades autónomas e a ilegalización das organizacións políticas nacionalistas, nomeadamente o BNG, así coma un maior recorte aínda das liberdades públicas.

Estes resultados non se entenderían sen a grande campaña de propaganda e apoio dos medios de comunicación que houbo cara esta opción, que mediante esta operación pretende branquear as opcións de dereita existentes, PP e C’s, que se ben se atopan en posicións cada día máis dereitizadas, aparecen como moderadas ante o filofascismo de Vox. O sistema volta empregar a extrema dereita e o fascismo cen anos despois a nivel internacional para preservar o sistema capitalista e o beneficio do gran capital. Porén, no estado español cobra se cabe maior relevancia o uso por parte tanto da esquerda como da dereita españolas que se fixo da ultra dereita á hora de atacar o pobo catalán na súa loita pola soberanía.

Dende Galiza Nova enviamos solidariedade ao pobo de Andalucía e chamamos á loita antifascista nas rúas e nas urnas. Na Galiza loitaremos contra o fascismo e contra os posicionamentos ultra dereitistas, na defensa da liberdade, da democracia, e do dereito a poder construir un futuro digno na nosa terra.

FASCISMO NUNCA MÁIS

Leave a Reply

Your email address will not be published.