Comunicado perante o acordo de goberno estatal

O BNG presentouse ás últimas eleccións xerais baixo o lema “Facer Valer Galiza” e con dous obxectivos chave se obtiña representación no Congreso dos Deputados: frear á dereita e á ultradereita, representadas polo PP, C´s e Vox; e defender os intereses e os dereitos das e dos galegos. Ao obter representación, prometeuse poñer enriba da mesa a Axenda Galega e situar ao noso país no centro do debate político.

Tal día coma hoxe podemos comprobar como, grazas ao BNG, se antepuxeron os intereses do noso país e como é tanxíbel a Axenda Galega. Podemos comprobar como un único deputado- vital para que exista un goberno- é capaz de condicionar políticas públicas que sexan beneficiosas para clase a traballadora galega. 

As nacionalistas galegas estamos sendo chave para a vindeira investidura e acábase de asinar un acordo co PSOE. Conseguíronse os compromisos que o BNG prometeu durante a campaña electoral para o #10N: lógranse compromisos reais para satisfacer as necesidades e os problemas do noso país, recollidas na axenda galega; e conséguese desbloquear un goberno estatal de corte progresista.

Consigue así o BNG avanzar no reforzo da capacidade de decisión do autogoberno galego con propostas concretas en transferencias ao goberno galego, convocando unha comisión mixta no primeiro semestre de 2020. Isto contrasta cos máis de 10 anos de goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza, que non conseguiu ningunha transferencia para Galiza.

Asemade, o acordo recentemente asinado inclúe o impulso de reformas necesarias para adecuar a estrutura e o carácter plurinacional do Estado. Así como medidas concretas que benefician á clase traballadora galega:

–              Saneamento das rías galegas, con especial atención nas rías de Pontevedra e do Burgo.

–              Transferencia da AP-9 con bonificacións.

–              Normalización do uso do galego na Administración de xustiza.

–              Transición XUSTA na descarbonización e futuro para as electro intensivas cunha redución da factura enerxética.

–              Instalación de xulgados específicos en violencia de xénero en Compostela, Lugo e Ourense.

Existe tamén un compromiso da derrogación da Reforma Laboral e a Lei Mordaza, que acurtaba os nosos dereitos. Comprométese tamén á modernización da vía ferroviaria galega, así como en tema de seguranza, para poder artellar o noso territorio. O futuro apoio orzamentario para facerse cargo de até o 50% as achegas na Lei de Dependencia.