Comunicado perante a brutalidade policial en Compostela

No día de hoxe presenciamos na cidade de Compostela un novo episodio de brutalidade a cargo da policía española. Tras o despexo, xa violento, do Centro Social Escarnio e Maldizer, que levaba tres anos programando actividades culturais todas as semanas foi convocada unha mobilización para as 20:00 con saída na Porta do Camiño.

Apenas avanzara uns 500 metros cando a policía ordenou a esta manifestación deterse, e ao non realizalo, comezou a carga policial tanto pola cabeceira como polo remate da mobilización. A partir daí empezou o ataque con porras, gas lacrimóxeno, pistolas de bolas de goma e demáis técnicas represivas  que continuou con disturbios e sirenas continuas de ambulancias e grilleiras da policía nacional.  Denunciamos estas actitudes violentas e propias da ditadura franquista, que se xeralizaron no estado español logo da aprobación da regresiva Lei Mordaza.

Dende Galiza Nova entendemos totalmente desmesurado o comportamento da policía española que reprime brutalmente ao pobo que se organiza e se manifesta, dando unha resposta dunha violencia totalmente desmesurada no día de hoxe.

Rexeitamos este tipo de actitudes do estado español e poñémonos do lado de quen nestes últimos tres anos fixo tanto pola cultura deste país e desta cidade, un centro social no que existían desde clases de baile galego ata obradoiros de reggaeton feminista, sendo o feminismo un ámbito no que destacou a súa actividade ao longo destes tres anos.