Comunicado polo 6º cabodano de Hugo Chávez

Cando van 6 anos desde o pasamento de Hugo Chávez, en Galiza Nova queremos renderlle homenaxe a unha figura clave na conquista da soberanía do pobo venezolano coa constitución da República Bolivariana, referente sen dúbida das loitas dos pobos pola liberdade e do combate contra o imperialismo.

Seis anos despois da morte do Comandante Chávez, vemos como Venezuela segue a ser vítima de ataques imperialistas, intentos de desestabilización económica, presión mediática, ameazas militares, etc. Hoxe móstranse máis claramente que nunca co último golpe de estado perpetrado en xaneiro no que a dereita ianqui e europea se alían cos intereses do capital e a manipulación mediática para continuar a afogar o pobo venezolano, nunha intervención que denominan “axuda humanitaria” pero que non é máis ca unha invasión imperialista.

América Latina supuxo no comezo do século XXI un exemplo para todos os pobos que loitan pola súa liberdade contra o imperialismo e o capital. Demostrouse que para que os pobos sexan libres deben ser primeiro soberanos para poder tomar as súas propias decisións como pobo e non como correa de transmisión dos intereses do grande capital e os Estados Unidos. Primeiro Cuba e logo Venezuela foron exemplo da loita antiimperialista e seguen a selo nun mundo no que cada vez a ofensiva do sistema é máis salvaxe.

Venezuela resiste o golpe e, seguindo o exemplo de Chávez, continúa na loita contra o imperialismo. En Galiza Nova tamén. Viva Chávez! Viva a Revolución Bolivariana!