Concentración en solidariedade coas presas políticas palestinas

Con ocasión da conmemoración da Nakba o pasado 15 de maio e en recordo da catástrofe que sufriu o pobo palestino: a expulsión de 800000 persoas dos seus fogares no 1948 co estabelecemento do estado imperialista de Israel, varias organizacións convocamos unha concentración este venres 19 de maio ás 20:30 na Praza do Toural de Compostela en solidariedade co pobo palestino e moi en particularmente coas presas políticas palestinas en folga de fame nos cárceres israelís dende o pasado 17 de abril.

Máis de mil seiscentas presas políticas están agora mesmo en folga de fame nunha acción sen precedentes en protesta polas condicións infrahumanas nas que viven unicamente por defender a súa liberdade, padecendo humillacións e torturas.

Dada a gravidade da situación as organizacións convocantes condenamos e denunciamos as violacións dos dereitos humanos que se están producindo con estas persoas e expresamos a nosa preocupación pola súa situación. Desde Galiza Nova somos conscientes de que a solución a este conflito só virá dende o recoñecemento de Palestina coma unha nación soberana e a fin da ocupación por parte do Estado sionista de Israel do seu territorio.