Concentración pola verdade e a xustiza sobre as mulleres kurdas en Vigo

A coordinadora comarcal de Vigo da Marcha Mundial das Mulleres, organización feminista e anticapitalista, convoca para hoxe 9 de xaneiro ás 20:00h diante do Marco en Vigo, unha concentración conmemorando o 5º cabodano das activistas kurdas asasinadas en París.

Foi en xaneiro de 2013, no centro de información do Kurdistán de París, cando o goberno turco tivo que reiniciar as negociacións de paz co dirixente kurdo Abudalah Ocalan. Alí atopáronse os corpos de Sakine Cansiz, cofundadora do Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK), Fidan Dogan, membro do Congreso Nacional do Kurdistán, e Leyla Soylemez, activista kurda. O xuízo destas mortes foi arquivado, mais a MMM achega indicios de que os asasinatos foron artellados polo servizo secreto Turco (MIT), ao mesmo tempo que o Goberno francés se nega a facer pública a información necesaria para a investigación, nunha alianza coas políticas antikurdas do Goberno de Turquía.

Con este acto quérense condenar tamén os asasinatos en 2016 de Seve Demir, organizadora da posta en marcha da Caravana Feminista para IV Acción Internacional da MMN na cidade kurda de Nusaybin e membra do Partido Democrático das Rexións (BDP); Pakize Nayir, vicepresidenta da Asemblea Popular do distrito kurdo de Silopi; e Fatma Uyar, activista da Unión de Liberación das Mulleres.

Denúncianse tamén outros ataques, baixo a premisa de acusacións terroristas, coma os despidos entre o profesorado asinante dun manifesto en contra das políticas contra o pobo kurdo, o peche de medios de comunicación e detención a xornalistas, as intervencións e detencións en decenas de alcaldías, torturas e ameazas, así como privación do seu escano a deputadas do HDP (partido prokurdo e de esquerdas) do Parlamento Turco elixidas democraticamente e que agora se enfrontan a unha petición de 142 anos de cadea.

As mulleres kurdas veñen mostrando un exemplo de solidariedade, por iso nós debemos poñer tamén a nosa cara máis internacionalista cos pobos que loitan e coa emancipación das mulleres de todo o mundo. Contra a invisibilización da represión e do sufrimento do pobo kurdo, animamos a toda a sociedade a que acuda á concentración convocada para mañá pola Marcha Mundial das Mulleres.