Concentracións hoxe contra o feminicidio

Este martes 2 de xaneiro ás 20h temos que saír á rúa máis unha vez por un feminicidio no noso país. Hai máis dun ano coñecíase o caso da desaparición dunha moza de 18 anos na Barbanza, Diana Quer. As reaccións máis mediáticas axustábanse ao patrón patriarcal de xulgar á vítima: cuestionar como ía vestida, por que estaba fóra da casa pola noite, con quen se relacionaba ou como era a súa familia. Terríbelmente, a nova volvía saír á luz ao descubrirse que fora José Enrique Abuín o veciño de Rianxo que asasinou á moza.

Desde Galiza Nova esiximos que se poñan todos os recursos á disposición da loita contra a violencia de xénero. É o momento de rachar coa estrutura opresora que fai que chegar vivas á casa sexa un risco para as mulleres e mozas. Vivir dignamente quere dicir tamén deixar de ter medo en espazos que tamén nos pertencen.

Acreditamos que non son casos illados, senón que responden a todo un entramado do sistema, como apuntaba a nosa compañeira Olalla Rodil: “A lexislación estatal ten que avanzar para que a violencia sexual contra as mulleres fora do ámbito da parella tamén sexa recollida como violencia machista”, “estamos diante dun feminicidio, un problema estrutural que atinxe milleiros de mulleres no noso país máis alá das relacións de parella”.

Animamos a toda a sociedade a acudir ás concentracións convocadas e alzar a voz polas que xa non a teñen.
#QuerémonosVivas