Concerto de Superoito pola lingua en Pontevedra

No marco da campaña nacional de lingua ‘Rebélate, fala galego‘ comezamos unha serie de actos que dende a festa visibilizan a loita por vivir no noso idioma. Este sábado, 13 de maio, a Asemblea Comarcal de Galiza Nova Pontevedra organiza un concerto pola lingua co grupo Superoito en Pontevedra. Será a partir das 23:15h na Praza das 5 Rúas, de chover o concerto será trasladado ao Pequeno Karma (r/Charino, 29).

Superoito é unha banda galega de rock formada no 2013 entre Ordes e Santiago de Compostela. Está formada por Iván R. Paderne (cantante e guitarrista), Diego Falque (baixista solista e coros) e Glenn G. Carbajal (batería). Son un grupo cunha grande experiencia no directo posto que nos seus dous primeiros anos de vida xa acadaran a cifra de máis de 150 concertos ás costas.

Vinculados moi fortemente coa defensa da lingua galega, as súas cancións tratan sobre temas da vida cotiá tratados con certo apego cómico como Galicia, a dignificación da labor mariñeira, a liberdade sexual e ideolóxica, a loita contra a construción da mina de Corcoesto ou a volta da selección galega de fútbol.

Leave a Reply

Your email address will not be published.