Condena cara o novo ataque do estado sionista de Israel contra o pobo palestino

Desde Galiza Nova condenamos taxantemente o ataque efectuado polo estado sionista de Israel contra o pobo palestino na franxa de Gaza.

Unha vez máis asistimos a un novo episodio de violencia, unha nova constatación do xenocidio que está a realizar o estado de israel contra o pobo palestino, iniciado xa vai décadas e que busca a destrucción totaldo estado palestino e a usurpación total do mesmo.

O estado sionista de Israel, apoiado polos EUA e polas potencias europeas, continúa coa súa ofensiva tamén no proceso de colonización de terra palestina, mediante a expulsión das habitantes desas terras por medio da violencia e do control militar.

Non en van, territorios como o atacado na noite de onte, a franxa de Gaza, supoñen verdadeiros campos de concentración para a poboación palestina, onde esta é perseguida, controlada e vexada constantemente polas forzas de ocupación israelies.

Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, levamos anos denunciando a situación que vive o pobo palestino por mor dos incesantes ataques imperialistas que sufre. O dereitos dos pobos a decidir o seu propio camiño, e polo tanto a súa liberdade, son eixos fundamentais nos que toda sociedade que pretenda ser xusta debería pivotar.

É por isto que seguiremos apoiando a loita do pobo palestino por se liberar, e seguiremos condenando e denunciando os ataques xenocidas e imperialistas do estado sionista de israel e os seus aliados.

Non á ocupación criminal de Palestina!
Liberdade para os pobos! Palestina vencerá!