Constitución Española herdeira do fascismo

Hoxe, 6 de decembro cúmprense 39 anos da aprobación da constitución española, dando continuación ao réxime franquista e instaurando o Reino de España tal e como o coñecemos. Os acontecementos destes meses demostraron coa maior crueza posíbel o carácter antidemocrático do Estado Español, cuxos dirixentes fan uso da violencia para os seus propios intereses dende o 1978 ata o día de hoxe.

Este é un rexime emanado do golpe militar do 18 de xullo de 1936 e a chamada “modélica transición” e a Constitución do 1978 non foron máis ca unha cortina de fume para tentar camuflalo coma un estado democrático trala morte de Franco. O nacionalismo galego, consciente desta manobra, estivo en contra da aprobación da constitución no ano 78 e seguimos a estalo agora, por ser unha constitución negadora da nosa realidade como nación, que prima o pago da débeda ao gran capital antes dos servizos públicos e que é empregada como arma polo fascismo para reprimir calquera movemento que loite pola liberdade.

Os grandes poderes do estado viven actualmente da explotación continuada das nacións sen estado, e é rachando con ese negocio millonario, acadando a nosa independencia, a única maneira de destruír o réxime do 78. Por iso o estado español, que serve os intereses do grande capital, non permite nin que democraticamente se debata sobre a soberanía das nacións sen estado, pois sería o derrubamento do seu grande negocio, mentres a Unión Europea é totalmente cómplice destas actitudes antidemocráticas.

Debemos saír á rúa reivindicando o noso dereito a vivir en democracia, a existir como nación, a exercer o noso dereito á autodeterminación e a constituír a República Galega que solucione os graves problemas estruturais da mocidade galega, da que non teñamos que emigrar e na que poidamos vivir dignamente, que rache coa podremia que carcome todo o sistema español.

A mocidade nacionalista debemos dar un paso adiante, neste contexto revolucionario no que está a debate a soberanía das nacións debemos pasar á ofensiva na reclamación dos nosos dereitos como mozas, como clase traballadora e como nación, pois só dende o conflito co sistema e mediante a intensificación da loita lograremos por en marcha o proceso de acumulación de forzas do lado de Galiza, do lado da democracia, para conseguir a nosa liberdade.