Constitúese a asemblea comarcal das Mariñas con Icía Abraira como responsábel

Icía Abraira, de Miño, foi elixida Responsábel Comarcal de Galiza Nova nas Mariñas

No día de onte, a Asemblea Comarcal de Galiza Nova escolleu responsabilidades nomeando por unanimidade a Icía Abraira como Responsábel Comarcal. 

A Icía  acompáñaa Ruth Gallego como Responsábel Comarcal da Asemblea de Mulleres. A Asemblea de Mulleres é o máximo órgano de decisión en materia feminista de Galiza Nova. Potenciar este organismo, tamén na nosa comarca, será outro dos retos da organización para este período.

Esta é a primeira responsábel comarcal dunha comarca de nova creación tanto a nivel do BNG coma de Galiza Nova, debido ao aumento de militancia e actividade política autónoma na zona, unha boa mostra do avance organizativo que o nacionalismo está a vivir nos últimos tempos.

Tanto Icía como Ruth salientaron a necesidade de organizarse en chave nacionalista “para poder ter un futuro digno na nosa terra”, porque “se nós non loitamos polo noso futuro ninguén o vai facer”

Tamén animaron a toda a mocidade da zona das Mariñas a sumarse ao proxecto de Galiza Nova e do BNG, un proxecto que cualifican de “verdadeiramente transformador” para este País, así como de “aberto e participativo”: “Todas e todos temos un oco no seo de Galiza Nova e no BNG”, apuntan.