Constitúese localidade de Galiza Nova en Lalín

Trala asemblea aberta realizada este sábado constitúese a localidade de Galiza Nova en Lalín, na comarca de Deza-Tabeirós-Terra de Montes. Manuela Pereira Enríquez, de 19 anos, veciña de Lalín e estudante de Historia da Arte na USC, foi escollida responsábel local, acompañada nun grupo de traballo de Ares Rozas Taboada, de 21 anos, e Paula Díaz Areán, tamén de 19.

Na asemblea constituínte participaron tamén o Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández, así coma Francisco Vilariño, Manuel Carbón e Fernando Pereira, integrantes do consello local do BNG de Lalín, ao cal o grupo de traballo de Galiza Nova formado nesta asemblea pasan a integrarse.

Acordouse presentar Galiza Nova coma unha plataforma na que a mocidade de Lalín poida mobilizarse e loitar polos seus dereitos, nese sentido, atendendo tamén a problemáticas locais que preocupen as mozas no seu día a día. No plano máis concreto fixáronse como obxectivos realizar actividades con motivo do Día das Letras Galegas en defensa da lingua galega e de cara ao 25 de xullo, enmarcadas na campaña do Día da Patria, así coma na realización da campaña de celebración do 30 aniversario da nosa organización.