Continúa o plan do PP contra a nosa lingua. Artigo de Daniel Castro

Hai menos dun mes o IGE presentaba os datos obtidos na enquisa sobre o Uso habitual e inicial do galego que non fixeron máis que reafirmar a situación alarmante na que se atopa a nosa lingua. Os datos ofrecidos mostran como un 30,04% dos nenos e nenas de entre 5 e 15 anos deste país non sabe escribir en galego. A isto é necesario engadirlle que un 23,9% dos nenos e nenas na mesma franxa de idade non sabe falalo.

O galego segue a perder falantes de forma continuada, especialmente no ámbito urbano, onde os datos son aínda se cabe máis aterradores. Esta enquisa mostra os efectos devastadores que tivo o decreto do plurilingüismo, xa que no período de anos no que este foi aplicado houbo un incremento significativo na porcentaxe de nenos e nenas que non saben escribir en galego, ler en galego ou falar en galego. Máis concretamente, as subidas foron dun 8,42%, dun 4,06% e dun 7,6% respectivamente.

Deste xeito resulta evidente que os obxectivos do Decreto contra o galego do Partido Popular estanse a conseguir. Estes non son máis que os de acadar unha Galiza na que non se fale galego e na que as posibilidades para poder estudar na nosa lingua sexan cada vez menores. Unha Galiza na que o galego sexa un idioma estranxeiro, sen valor e incluso unha lingua inútil. Tal é o autoodio que o PP mostra cara a nosa lingua que chega a tildala de impedimento para os e as estudantes galegas á hora de realizar a ABAU. Do mesmo xeito e como se agardaba, Feixoo atopa na CRTVG un aliado perfecto para propagar todas estas ideas, ao mesmo tempo que manipula a realidade, xa que para esta canle pública e galega os datos ofrecidos polo IGE foron “positivos”, parabenizándose dunha ficticia subida no número de falantes de lingua galega.

O obxectivo estratéxico que ten o Partido Popular ao marxinar a nosa lingua, non é máis que unha continuación das prácticas coloniais españolas e da imposición lingüística e cultural que tenta homoxeneizar o noso país co proxecto nacional español e así continuar a explotación colonial da Galiza.

Por todo isto consideramos que é imprescindible que o goberno da Xunta elimine o decreto de plurilingüismo que nos impide estudar libremente en galego e que aposte por políticas que promocionen o uso do mesmo nos diferentes eidos da nosa vida cotiá (xornais, xogos, novas tecnoloxías…). Todo isto co obxectivo de poder vivir en galego as 24 horas do día e os 365 días do ano.

Mentres tanto desde Galiza Nova seguiremos loitando polos nosos dereitos lingüísticos, falando en galego e animando ao resto da mocidade deste país a facelo, xa que falar galego é o maior acto de rebeldía.