Contra a brutalidade represiva do Estado

represionSumámonos ao comunicado sobre a sentenza que condena a prisión a catro moz@s independentistas galeg@s.

Desde Galiza Nova rexeitamos a sentenza da Audiencia Nacional e reafirmamos, novamente, que en Galiza non existe ningún fenómeno de terrorismo. Nesta ligazón podes ler tamén a valoración realizada polo Bloque Nacionalista Galego.

Queremos, xa que logo, amosar o noso apoio a Eduardo, Roberto, Antón e María perante unha sentenza reaccionaria, inxusta e desproporcionanda. Podes ler a continuación o comunicado conxunto:

Contra a brutalidade represiva do Estado. Pola soberanía nacional de Galiza!

Os colectivos, organizacións políticas, asociacións ecoloxistas, feministas, xuvenís e culturais e sindicatos abaixo asinantes, ante a sentenza ditada pola Audiencia Nacional de España contra catro independentistas galeg@s, queremos facer pública ante a sociedade galega a seguinte declaración de urxencia:

Rechazamos a brutalidade represiva do Estado español que se evidencia na sentenza ditada onte contra catro independentistas galeg@s. Condenalos a penas de 10 e 18 anos de prisión é unha barbaridade represiva dun punto de vista democrático perpetrada por un tribunal que carece das máis mínimas garantías xurídicas esixíbeis e realiza xuízos políticos. É significativa esta contundencia penal contra quen defenden un lexítimo ideario político, mentres ladróns de garavata, corruptos, saqueadores do erario público, incendiarios organizados, etc. campan ás súas anchas.

2º A creación xurídica, por parte da Audiencia Nacional, dunha suposta “organización terrorista” a operar en Galiza é, en mans dun Estado obsesionado coa súa propia “integridade territorial” e coa criminalización e persecución dos procesos soberanistas, un instrumento represivo de primeira orde que levanta a veda para criminalizar e penalizar organizacións sociais e políticas de signo nacionalista, contradí as explicacións dadas polas persoas condenadas durante o xuízo e é contraria ao sentir absolutamente maioritario da sociedade galega. Con esta sentenza, encontrámonos ante a importación para Galiza da antidemocrática Ley de Partidos.

3º Valoramos que esta sentenza, que evidencia o trunfo das teses mais regresivas para unha abordaxe en termos penais e policiais das posicións soberanistas, é unha sentenza política e pretende abrir as portas para a criminalización das persoas e organizacións que reivindicamos lexitimamente a soberanía nacional do noso país e a solidariedade coas persoas presas.

Chamamos á sociedade galega a concentrarse hoxe ás 20:00 h. en rexime de auto-convocatoria nas vilas e cidades do noso país para expresar o noso rechazo frontal a este salto cualitativo que, coa sentenza de Madrid, acaba de dar a represión política. Hoxe, a solidariedade, por riba de siglas e de diferencias políticas e ideolóxicas, é unha obriga de calquer demócrata frente a un Estado corrupto e antidemocrático que avanza nun proceso constante de fascistización. Neste sentido, animamos á sociedade galega a estar pendente das próximas convocatorias solidarias que se realizarán.

Galiza, a 13 de setembro de 2013