Inseridas nunha pandemia mundial, desde Galiza Nova sumámonos hoxe á xornada de conmemoración do día internacional contra a SIDA, lembrando a todas as que levan padecido esta enfermidade. Mais esta tamén é unha xornada de reivindicación para demandar unha mellor prevención e tratamento, e paralelamente a isto, un día de denuncia da serofobia, da discriminación que soportan as persoas seropositivas baixo mitos e falsas crenzas carentes de toda base científica. 

Nesta reivindicación tamén cómpre poñer o foco na homofobia e a transfobia que vai ligada en moitos casos ao VIH e ás infeccións de transmisión sexual. LGBTfobia que ademais, vén reforzada desde as Administracións que perpetúan estigmas totalmente infundados e cun marcado carácter cisheterocéntrico. Exemplo disto é a situación que se está a dar a día de hoxe no Sergas, por exemplo, no acceso á vacina do papiloma humano fóra do calendario de vacinación infantil ou á PrEP (a PrEP ou “profilaxe pre-exposición” é un dos xeitos de previr a infección por VIH ligado a relacións sexuais de risco coa toma de fármacos). Estes dous tratamentos fináncianse para persoas que exercen a prostitución, a persoas trans e a homes que teñen sexo con homes. Que tipo de criterio epidemiolóxico pode priorizar dar tratamentos de previsión de ITS a persoas LGBT que poden estar nunha parella monógama cerrada, ou que unicamente manten prácticas non de risco, antes que a homes cisheterosexuais que consumen prostitución todas as semanas e se negan a usar preservativo? Esta categorización por colectivos en lugar de por prácticas de risco non deixa de ser totalmente moralista e promove e perpetúa a estigmatización de grupos sociais que xa están fartos de estar no punto de mira.

Desde Galiza Nova demandamos un maior reforzo do noso sistema sanitario, e sobre todo as equipas investigadoras, para conseguir maiores avanzos tanto na prevención coma no tratamento desta patoloxía. É preciso termos unha educación sexual nas escolas de calidade e libre de moralidades e estigmatizacións, que permita que a nosa mocidade poida ver máis alá da LGBTfobia que aínda impera. Do mesmo xeito, precisamos un sistema sanitario que non nos categorice en función da nosa orientación sexual ou da nosa identidade de xénero patoloxizándonos, e que se promova unha sexualidade libre e saudábel, con protocolos e plans de atención que vaian dirixidos a prácticas de risco e non a presuntos grupos de risco.  

Leave a Reply

Your email address will not be published.