CONTRA A POLÍTICA DE TERRA QUEIMADA. MANIFÉSTATE POLO FUTURO DOS NOSOS MONTES!

Hai dous anos abriuse un ciclo de mobilizacións para defender os nosos montes tras a que até agora foi a última gran vaga de incendios. A idea é clara: soster no tempo a rabia colectiva que xerou aquel nefasto outono de 2017 e transformala en loita organizada fronte quen quere sentenciar de morte os nosos bosques. O desmantelamento do noso rural ten un impacto que ninguén pode negar: cada casa e cada aldea que se abandona é un paso máis no nefasto camiño do deserto demográfico, da perda de biodiversidade e da eliminación da identidade colectiva. Ante esta dramática situación hai unha minoría que está a sacar unha considerable tallada e prefire que todo siga igual até que non haxa volta atrás.

Por qué defender o monte comunal? A crecente especulación coas terras e o uso das leis para beneficio dos grandes empresarios do sector forestal está agudizando un problema que para o monte galego xa ven de vello. Se non era suficiente o espolio directo de terras agrarias e comunais que cometera o franquismo no século pasado, agora presenciamos un novo golpe letal para o noso rural. Mentres o monte que está tutelado pola administración está a ser encamiñado cara a privatización, actívanse outros instrumentos xurídicos que permiten entregarllo ás multinacionais da pasta de papel e da biomasa, poñendo de manifesto que os poderes públicos -que deberían ser exemplares- renuncian ao aproveitamento multifuncional dos montes. Fronte esta dinámica nociva, a propiedade en man común e a autoorganización nas parroquias sirven de dique de contención do capital.

Por qué falamos de defensa do monte galego? As consecuencias da desposesión que sufren as comunidades rurais en todo o mundo dentro do modelo económico capitalista agrávanse cando persisten as dinámicas coloniais de explotación dos recursos naturais. No caso de Galiza obsérvase un progresivo baleirado do 80% do noso territorio, nun proceso que vai en paralelo ás grandes agresións ao medio. Envellecemento, despoboación e subdesenvolvemento son problemas enquistados que favorecen de xeito perverso os intereses das industrias extractivas de enclave porque eliminan atrancos á depredación do territorio e facilitan o uso de man de obra “barata”. Cando non hai perspectivas de futuro calquera actividade económica é ben recibida.

Hai alternativa aos monocultivos? Para ter futuro é fundamental camiñar cara unha economía rural diversificada. A dependencia dos monocultivos de baixo rendemento é letal para os ecosistemas e para calquera territorio, e baséase na falta premisa da xeración de rendas a pequenos propietarios. O limitado impacto dos beneficios no territorio é un feito contrastable no baixo prezo por tonelada e na ínfima fixación de poboación que crea a industria do eucalipto. Pola contra, os ciclos produtivos ligados ás especies autóctonas redundan en creación de industria diversificada no sector agrario, gandeiro, da construción ou da investigación. Os rendementos por hectárea do castiñeiro ou das froiteiras son claramente superiores aos dos monocultivos de eucalipto, e ademais serven de freo á propagación do lume nun incendio forestal.

Plantar grandes extensións de eucalipto frea o cambio climático? Adóitase poñer como coartada para o aumento destas plantacións o suposto efecto de captura de carbono e outros gases que, doutro xeito, irían á atmosfera. Na realidade constátase que o modelo implantado apenas permite retelos, xa que as quendas de corta son de menos de 10 anos e durante o proceso de produción de pasta de papel todo ese CO2 é novamente liberado. O resultado na paisaxe: apenas resisten pequenos focos de vexetación autóctona e de espazo agrario produtivo, convertendo ao resto da Galiza nun “deserto verde”.

Por todas estas razóns mobilizámonos este domingo, porque sobran motivos, porque o camiño percorrido na ILP en defensa do bosque autóctono, nas deseucaliptizacións ou na recente creación dun Movemento Galego polo Clima non debe caer en saco roto. Este domingo saímos á rúa por un anaco de todas nós. Por un monte galego con futuro!

Manifestación: Alameda de Compostela ás 12:00 deste domingo 20 de outubro.

Leave a Reply

Your email address will not be published.