O 1 de decembro conmemórase en todo o mundo o día de loita contra a SIDA, en lembranza de todas as persoas que padeceron esta enfermidade e, tamén, para reivindicar esforzos na a súa prevención e tratamento. Ademais, é un día de denuncia e visibilización da serofobia, da discriminación que as persoas seropositivas continúan a soportar, baseada en mitos e falsas crenzas alimentados por unha educación sexual deficitaria.

Por outra banda, tamén cómpre denunciar a homofobia e a transfobia que existe en torno ao VIH e outras infeccións de transmisión sexual. Considérase que os homes que teñen sexo con homes e as mulleres trans son grupos de risco polo mero feito da súa orientación sexual ou a súa identidade de xénero a pesar de que, hoxe en día, sabemos ben que o principal mecanismo detrás da transmisión do VIH son as prácticas sexuais de risco. Isto obviase nos protocolos existentes no Sergas, estigmatizando a todo un colectivo en vez de incidir sobre esas prácticas, que non son exclusivas nin de homes gais ou bi, nin de mulleres trans. 

Dende Galiza Nova demandamos unha educación sexual de calidade para a toda a mocidade, libre de moralismos e estigmatizacións, que permita erradicar a LGBTfobia existente para conseguir maior éxito na prevención de novas infeccións. Tamén demandamos un sistema sanitario que, do mesmo xeito, elabore protocolos, plans de actuación e indicacións de tratamento libres de LGBTfobia, prestando atención a prácticas de risco indepentemente da sexualidade de cada quen.

Leave a Reply

Your email address will not be published.