CONTRA A TRANSFOBIA, NIN UN PASO ATRÁS!

Nos últimos temos estamos asistindo a unha dereitización do discurso en moitos ámbitos. Debates que xa criamos máis avanzados, como podería ser o da cuestión nacional ou o dereito ao aborto, volven a estar enriba da mesa cun grande peso aos argumentos máis conservadores e reaccionarios. Neste sentido, un colectivo que está a padecer con gran virulencia este feito é o colectivo trans. Nestas últimas semanas vimos como medios de comunicación impresos publicaban nas súas páxinas “artigos de opinión” nos que se difama e se nega a identidade de xénero cunha transfobia manifesta. Artigos totalmente acientíficos, con un argumentario retrógrado e patriarcal que lanzan proclamas que recordan ás do autobus de Hazte Oír que atacaban ás crianzas trans. E nesta liña, aparecen novos colectivos, coma One of Us co exministro Mayor Oreja como cabeza visíbel, , que nestes días está a realizar un seminario en Compostela, para continuar a espallar este discurso transfóbico e machista.

Resulta inasumible esta situación. O colectivo trans leva anos demandando a implementación dunha Lei Galega de Identidade de Xénero, que garanta os dereitos máis básicos e que evite a discriminación. E fronte a isto, temos un goberno na Xunta de Galiza totalmente inoperante na maior parte dos casos, pero que chega a ser profundamente reaccionario. Cómpre lembrar que esta Lei Galega de Identidade de Xénero foi tumbada no Parlamento Galego pola oposición do Grupo Popular.

Por iso desde Galiza Nova manifestamos novamente o noso apoio á loita do colectivo trans, imprescindible para a construción dunha República Galega feminista na que sermos libres; e chamamos a toda a mocidade galega a participar na manifestación nacional pola despatoloxización trans que terá lugar o sábado 19 de outubro en Compostela, saíndo ás 12h da Praza 8 de marzo. 

CONTRA A TRANSFOBIA, NIN UN PASO ATRÁS!

POLA DESPATOLOXIZACIÓN TRANS!

Leave a Reply

Your email address will not be published.