Contra a violencia do sistema loita transfeminista

Dende Galiza Nova sumámonos á conmemoración do Día Internacional pola Despatoloxización Trans e reivindicamos máis unha vez a necesidade de loitar para construír a Galiza libre e diversa que queremos.
A día de hoxe seguimos facendo fronte a unha realidade que ataca as persoas trans, encadrando a súa identidade baixo algún tipo de doenza. Para o recoñecemento legal do seu xénero sentido teñen que ser diagnosticadas cun trastorno de “disforia de xénero”, isto é, como enfermas mentais. Atopamos multitude de dificultades para acceder a calquera tipo de servizo e contamos cun sistema de saúde que continúa a patoloxizar a nosa identidade de xénero e non nos proporciona os medios necesarios para vivir de acorde a ela.
Fai uns meses o PP amosaba de novo a súa cara máis rancia ao tumbar no Parlamento a proposta de lei galega de identidade de xénero impulsada polo tecido asociativo LGTBI. Dende Galiza Nova e o BNG continuamos a demandar como imprescíndibel unha lexislación que garanta os dereitos das persoas lgtbi e poña fin a todos os atrancos aos que nos enfrontamos para vivir a nosa identidade de xénero libremente.
Reivindicamos tamén unha educación sexual de calidade nos centros de ensino, libre de dogmas e estigmatizacións. Ademais, esiximos a penalización dos discursos discriminadores e criminalizadores que vimos escoitando desde a Igrexa, a política, os medios de comunicación e organizacións como Hazte Oír.
Hoxe e o resto do ano loitamos pola despatoloxización da transexualidade. Loitamos por unha Galiza na que vivir libremente a nosa sexualidade e a nosa identidade de xénero, sen discriminacións de ningún tipo.

Leave a Reply

Your email address will not be published.