Este 25 de novembro, ao igual que no resto do ano, reivindicamos a loita feminista como único medio para erradicar as violencias machistas e poñen en perigo a vida das mulleres día tras día, violencias que se presentan en múltiples formas, mais que nos abranguen a todos os grupos de idade e en todos os ámbitos da vida diaria.

Coa presente pandemia e o confinamento domiciliario, moitas mulleres víronse obrigadas a recluírense no mesmo domicilio que o seu agresor. A caída no número de denuncias presentadas no período do estado de alarma veu dada pola desprotección nestes casos así como a falta de alternativas. Contrasta este descenso co aumento das chamadas aos números de axuda, reflectindo o  incremento nos casos de violencia dentro dos fogares que supuxo o confinamento e quedaron deste xeito invisibilizados. 

Ademais, estamos a presenciar como no momento actual collen forza outras formas de violencia machista que pasan desapercibidas. Nomeadamente, no caso das mozas, evidéncianse a importantica que xogan as redes sociais como canle para perpetuar relacións de maltrato e abusivas. 

Pola contra, a pandemia si que fixo moi notable a sobrecarga de traballo que supoñen os coidados, un labor eminentemente feminizado e precarizado que deliberadamente queda oculto. A incorporación da muller ao mundo laboral non supuxo de xeito real unha redución na carga das tarefas domésticas e de coidados. Na actual crise sanitaria visibilizouse a importancia destes labores, tanto no contexto intradomiciliario como tamén no aspecto máis profesionalizado. E pese a isto, na maior parte dos casos, súmase a precariedade laboral extrema con xornadas laborais que non rematan ao chegar ao fogar. 

As violencias machistas que padecemos día a día xorden dese sistema de opresión que está perfectamente instaurado na nosa sociedade, que nos limita día tras día como mulleres relegándonos a un plano inferior e usurpándonos dereitos polo noso xénero. Patriarcado que ademais se nutre do capitalismo, perpetuando a loita de clases tamén nas marxes do sistema, e que se mostra tamén coa faciana da LGBTfobia. Nos últimos tempos estamos a asistir á campaña de odio cara ás persoas trans e non binarias, que cuestiona a súa identidade e en moitos casos, as expulsalas dos círculos feministas. O feminismo non é unha reducción simplista que nega a diversidade, nútrese das diferentes realidades e a súa interseccionalidade. Non somos unha masa homoxénea e polo tanto a nosa loita é plural e nela cabemos todas. 

Precisamos de leis eficaces contra as violencias machistas, con medidas reais e efectivas de combate. É necesario un compromiso maior por parte das Administracións, incidindo sobre todo nunha educación en igualdade para a mocidade como única forma para derrotar o patriarcado. Desde Galiza Nova non imos dar nin un paso atrás na defensa dos nosos dereitos, desde un compromiso total co feminismo para rematar con todos os tipos de violencias machistas. 

Leave a Reply

Your email address will not be published.