Concentracións fronte as agresións machistas de onte

Onte saíron á luz dous novos casos de violencia machista no noso país. No concello de Oza – Cesures un pai asasinou a súa crianza durante o réxime de visita, e na cidade de Lugo unha muller foi vítima dunha agresión da que finalmente conseguiu fuxir. Dous casos ben distintos mais que teñen como nexo común un sistema patriarcal que domina a nosa sociedade.

No caso da crianza de Oza-Cesures, non é o primeiro asisanato a un menor no noso país. A utilización do dano aos fillos e fillas para agredir ás nais é unha práctica habitual do maltratador: lembremos o caso das dúas nenas de Moraña, un claro caso de violencia de xénero que non foi recollido polos medios de comunicación. A violencia machista configúrase deste xeito, crea terror sobre a vítima, inculcando o medo como elemento de control e submisión.

Dende hai uns anos as crianzas fillas de mulleres que sufriron violencia de xénero son consideradas vítimas ao igual que a súa nai. Mais isto non remata de traducirse en recursos reais á hora de atender ás crianzas: o personal que traballa en Violencia de Xénero está precarizado, os servizos son subcontratados e suxeitos a proxectos que dependen de concursos públicos que, en moitas ocasións, corren o risco de perder a continuidade das intervencións sociais e os tratamentos psicoterapéuticos.

Un feito que abre de novo o debate sobre a custodia compartida nas que asistimos a sentencias xudiciais que outorgan a custodia a pais condenados por violencia machista e a un repunte de grupos neomachistas que buscan a imposición da custodia compartida aínda cando unha crianza sinte medo dun pai que viu como maltrataba a súa nai, con argumentos tan anticientíficos como o Síndrome de Alienación Parental.

Desde Galiza Nova condenamos estes brutais acontecementos. Reclamamos o fin de todas as formas de violencia machista e esiximos urxentemente responsabilidades e medidas, porque o machismo mata!

Chamamos a toda a sociedade a mobilizarse e visibilizar a nosa repulsa ante a barbarie patriarcal acudindo ás concentracións convocadas para mañá, xoves 11 ás 20:00h en todas as cidades, Bertamiráns e Noia (ás 20:30).